ECO. Encontro comunitario de oralidade

O vindeiro 24 de marzo (martes) ás 19:00 celebraremos o “Día da Narración Oral” (20 de marzo) cun Encontro Comunitario de Oralidade na Biblioteca de Barro.
Será un espazo para narrar, ler ou simplemente escoitar historias, contos, fragmentos literarios ou creacións propias. Xuntarémonos arredor dunha mesa para compartir palabras, lembranzas e pequenos textos nun ambiente próximo e participativo.
Se che gusta contar historias ou ler en voz alta, anímate a participar!
 
– Inscrición:
Se queres narrar ou ler, chama ao teléfono da biblioteca 690 722 812 para reservar a túa quenda.
 
-Biblioteca de Barro
24 de marzo
19:00

Obradoiro de dramatización

Desde este mes de marzo e ata xuño, todos os martes de 19:30 a 21:00 celebrarase un obradoiro de “Dramatización e teatro” no salón de actos da biblioteca.
Un espazo para expresarse, perder a vergoña e compartir momentos creativos con outros veciños e veciñas. Non importa se nunca fixeches teatro antes: o importante é ter ganas de participar e pasalo ben!
 Lugar: Salón de actos da biblioteca
Horario: Martes de 19:30 a 21:00
Duración: De marzo a xuño
Inscricións abertas na OMIX.
Se che gusta o teatro ou simplemente queres probar algo novo, anímate e participa.

Chafallas a vendedora de fume.

CHAFALLAS, a vendedora de fume, é unha viaxe poética e chea de maxia polo imaxinario popular, protagonizada por unha muller nómade que percorre os camiños contando historias para gañar a vida. Coa súa casiña ás costas e palabras enroscadas coma un caracol, Chafallas mestura narración, música e humor para dar forma a un espectáculo tenro e divertido, inspirado nos contos e cantigas tradicionais do rural galego e portugués. Entre embustes, romances, títeres e melodías que acompañan as noites sen teito ata a chegada da alborada, a función convida ao público de todas as idades a deixarse levar pola fantasía, a memoria colectiva e o pracer de escoitar historias contadas con verdade e corazón.

30 de decembro de 2025, no Pazo da Crega.

Entrada libre ata completar aforo.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra + Escénicas.

Exposición CASTELAO GRAFISTA. Facsímiles,en Barro.

A exposición itinerante do ilustre rianxeiro chega a Barro neste 2025, Ano Castelao. O caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Buenos Aires, 1950) constitúe o foco desta exposición que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas.
 
Con este proxecto divúlgase a obra dun dos creadores e ideólogos galegos máis singulares,  para que toda a poboación sexa coñecedora e goce das súas creacións e das súas imporantes achegas á nosa historia máis recente.
 
Presentamos CASTELAO GRAFISTA (Facsímile). comisario | MIGUEL FERNÁNDEZ-CID
 
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos).
Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
 
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas dá vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así mesmo, poderase gozar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos. (…) Castelao realiza comentarios gráficos descritivos da realidade e costumes galegas, pero pronto a súa obra adquire un ton de compromiso –ético,social,político– que nunca perderá, ata converterse nun dos principais ideólogos do pensamento nacionalista.Como figura central da cultura contemporánea galega e como auténtico impulsor dun proxecto nacional, propio e distintivo, non se é ecuánime ante Castelao, ao que con frecuencia esíxeselle máis que a ninguén, esperando que estea sempre na excelencia, na frescura, na sagacidade. (…) 
 
DIDÁCTICA Con motivo do 75 aniversario da morte de Castelao, desde a área educativa de Afundación prepararon un proxecto gráfico para escolares:
 
Mapa Castelao – Nivel 1 | Formato en liña para grupos de Primaria ata 2º ESO.
Mapa Castelao – Nivel 2 | Formato en liña para grupos de 3º, 4º ESO e bacharelato.
 

OFERTA DE EMPREGO Programa integrado de Emprego Cuntis

OFERTA DE EMPREGO – PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO 2025/26

O Concello de Cuntis, abre o proceso de selección de dous/dúas técnicos/as medios para traballar a tempo completo como titores/as de emprego dentro do Programa Integrado de Emprego 2025/26 que se levará a cabo conxuntamente polos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro, A Estrada e Moraña.

Duración prevista:
Do 10 de novembro de 2025 ao 14 de outubro de 2026.

Requisitos principais:
-Titulación universitaria (mínimo diplomatura ou equivalente).
Titulacións preferentes
-Psicoloxía
-Pedagoxía
-Psicopedagoxía
-Socioloxía
-Educación social
-Traballo social
-Diplomatura de relacións laborais
-.Economía
-Outra titulación media ou superior… 0,5 puntos

-Non ter sido separado/a do servizo público nin inhabilitado/a.

-Ter máis de 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación.

-Posuír as capacidades necesarias para o posto.

-Acreditar o CELGA 4 ou superar unha proba de galego.

-Nacionalidade española ou a permitida polo artigo 57 do RD Lex. 5/2015.

Sistema de selección:
Concurso de valoración de méritos.

Presentación de solicitudes:
As solicitudes deben presentarse no Rexistro do Concello de Cuntis ou por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015.
Modelo de solicitude dispoñible no Anexo I das bases.

Prazo de presentación:
ABERTO A PARTIR DO 06/11/2025

5 días naturais contados dende o día seguinte á publicación do anuncio na prensa, na sede electrónica municipal 👉 http://concellodecuntis.sedelectronica.gal/info.1

CONCURSO CURTAS D-MEDO 2025. Falta pouco!

O prazo para entregar as túas curtas remata o 24 de outubro 

Aínda estás a tempo de participar! 
Descarga toda a documentación necesaria dende a nosa web e dá o último empurrón ao teu proxecto.

Non deixes que a túa historia quede no caixón, fai que se vexa, que se escoite, que emocione! 

 Anímate e participa!Se precisas máis información podes pasar pola OMIX de Barro ou chamar ao 6907202812 ou enviar un email a omix@barro.es

XOVES AO CLAREO: Baile urbano.

🌞 Derradeira actividade de “Xoves ao Clareo”, o programa de lecer creado polo Concello de Barro para ofrecer á nosa mocidade alternativas de ocio activo, creativo e divertido durante as tardes de verán.
Un espazo para compartir, facer novas amizades, descubrir actividades diferentes e desfrutar ao aire libre nun ambiente seguro e participativo. 💬✨
📍 Este xoves, unha proposta distinta no Pazo da Crega
🕺 4 de setembro – Baile Urbano (20:00 h)
👥 Idade recomendada: maiores de 12 anos
🌐 Pre-inscricións obrigatorias na web:

ZAPATOS. Espectáculo para bebés de 1 a 4 anos e familias.

O sábado 20 de setembro ás 12:00 horas, no Pazo da Crega, terá lugar o espectáculo “Zapatos”, unha proposta especialmente pensada para bebés de 1 a 4 anos e as súas familias. A actividade, con entrada de balde ata completar aforo, busca ofrecer unha experiencia cultural adaptada ás primeiras idades, favorecendo o goce compartido do teatro e a creación de novos espazos de encontro arredor da cultura.

CINE NO PAZO

Este  Domingo teremos unha cita cultural de especial relevancia coa proxección do filme Antes de Nós, unha obra que nos achega á figura de Castelao, referente fundamental da nosa historia e da nosa identidade colectiva.

A sesión de cine será o domingo 7 de setembro, ás 21:00 horas, no Pazo da Crega. A entrada é gratuíta ata completar aforo.

Trátase dunha oportunidade única para descubrir e reflexionar sobre a vida e o pensamento dun dos grandes símbolos do noso pobo.

CIRCO NA BIBLIOTECA

Este mes de setembro queremos celebrar o inicio do novo curso escolar cunha proposta moi especial na Biblioteca de Barro: o luns 22 ás 12:00 h recibiremos á rapazada cunha divertida actuación de circo. Será unha oportunidade para compartir risas malabares, equilibrios, música, clown, ao tempo que informaremos do horario da biblioteca (luns, mércores e venres de 8:30 a 15:00 h; martes e xoves de 15:00 a 21:00 h) e amosaremos as últimas novidades e adquisicións dispoñibles para todas as idades. Unha actividade pensada para comezar o curso con enerxía, cultura e moita diversión.