🎭 O Entroido de Barro chegou ao seu fin coa primeira queima de Paco, o corvo burlón que é desde este momento o Rei do noso Entroido. Foron moitas as persoas que se achegaron para despedilo como se merecía, nunha noite chea de lume e emoción.
O alumnado do IES de Barro e do CEIP Amor Ruibl tiveron a oportunidade de coñecer de preto o Corvo de Corlaia, a figura tradicional do Entroido de Barro. Durante a visita, explicouse a historia deste personaxe e puideron ver a impoñente recreación do corvo.
O Corvo de Coralia será incinerado este domingo pola tardiña, poñendo así fin ao Entroido 2025.
O Entroido de Barro chega ao seu fin este domingo 16 de marzo cunha xornada de festa que poñerá o broche de ouro a unha intensa programación chea de tradición e diversión. O Festival de Murgas será o gran protagonista da tarde, reunindo no escenario ás agrupacións Val do Lérez, Murga do Naveiro e Equipo Já, que farán gozar ao público co seu humor e música festiva.
Unha vez rematadas as actuacións, iniciarase a despedida do “Corvo de Coralia”. A incineración terá lugar nas inmediacións da Nave da Música, poñendo fin a esta edición do Entroido.
A veciñanza de Barro acompañará o defunto corvo ata o lugar da incineración e, despois dunhas sentidas palabras, procederase á queima dos seus restos
As historias do Corvo de Coralia, a figura central do Entroido de Barro, contadas por veciñas e veciños do Curuto e de Porráns e por familiares de Coralia e de Camila, as donas do corvo.
É un privilexio poder contar cos testemuños directos de persoas que coincidiron e conviviron dunha forma ou de outra co “Corvo de Coralia”, un animal que vivíu en Barro a mediados do século pasado e que tiña, nada máis e nada menos, que o don da palabra.
Agora, grazas á contribución destas veceiñas e veciños de Barro queda documentada toda a información sobre esta “rara avis” que sofreu, entre moitas outras peripecias vitais, un secuestro con final feliz.
O Concello de Barro vén de obter unha nova subvención para o presente ano. Desta volta trátanse de 367.235 euros para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa, cos que se financiarán o 85% dos traballos.
Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque ao logo dos seus preto de 500 metros, coa implementación de medidas de seguridade viaria, coa mellora dos aparcadoiros, coa creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago ou, entre outras actuacións, coa renovación integral do alumeado.
O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto.
O orzamento do proxecto ascende a 432.000 euros, dos cales o 85% financiarase con cargo ao Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra e o 15% corresponde á parte que ten que poñer o concello.
Neste ano iniciariarase a construción dunha pista de pádel no Santo Antoniño e reformaranse as instalacións do campo de fútbol do Outeiro. O orzamento total destes dous proxectos ascende a 97.000 euros, que se financiaran con cargo a Plan Extraordinario de Infraestructuras Deportivas da Deputación de Pontevedra.
A nova pista de pádel será unha instalación totalmente gratuíta e aberta ao uso da veciñanza de Barro, co obxectivo de promover a práctica de deporte para todas as idades e o benestar da comunidade. Este novo equipamento ofrecerá un espazo de lecer alternativo que fomentará a convivencia e a actividade física na zona.
Esta infraestrutura estará situada na área que actualmente alberga elementos de ximnasia e mobilidade para persoas maiores na rúa do Pazo. Estes elementos serán reparados e trasladados a unha zona sombreada, baixo a copa de árbores, cerca da nova tirolesa, o que facilitará o seu uso durante todo o ano e promoverá un entorno accesible e agradable para todos.
O outro gran proxecto en materia de instalacións deportivas para este ano do Concello de Barro executarase no Campo de fútbol do Outeiro. Con esta actuación renovaranse por completo os vestiarios vellos, realizaranse melloras nas gradas e renovarase a pintura de todas as instalacións