Skip to content

Salomé Cancela será a pregoeira da XLVI Festa do Viño de Barro

O Concello de Barro anuncia con orgullo que Salomé Cancela Romero será a encargada de pronunciar o pregón da XLVI edición da Festa do Viño, que se celebrará no mes de xuño. A súa escolla representa un recoñecemento á tradición vitivinícola de Barro e, especialmente, ás persoas e proxectos que loitan cada día por dar visibilidade e prestixio ao noso viño.


Salomé Cancela é socia da Cooperativa Viña Moraima, fundada en Barro no ano 2006 por un grupo de viticultores locais convencidos do potencial e da calidade do noso viño. Filla dunha familia cunha fonda tradición vitícola, foi o seu pai un dos socios fundadores desta cooperativa que hoxe é símbolo de traballo colectivo, compromiso co territorio e aposta pola calidade. Salomé pertence á familia Mariño, unha das liñaxes históricas máis vencelladas á produción, elaboración e comercialización do viño en Barro. Familias coma a dos Mariño representan o peso da tradición, a paixón polo bo viño e o compromiso xeracional coa terra.


Ao longo da súa traxectoria, Salomé foi presidenta de Moraima e converteuse, ademais, na primeira persoa de Barro en formar parte como vogal do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, abrindo camiño para que a voz dos viticultores e viticultoras de Barro estivese presente nos espazos de toma de decisión.


Cómpre salientar tamén o papel protagonista de Moraima na recuperación da variedade autóctona ratiño, unha uva branca de pequeno tamaño e sabor singular, documentada xa en Barro no ano 1929. Durante décadas estivo ao bordo da extinción debido á súa sensibilidade ás pragas, mais grazas á colaboración entre a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e a cooperativa, esta xoia do patrimonio vitícola galego puido ser salvada. Tras anos de traballo e trámites administrativos, a ratiño foi incluída en 2023 na Denominación de Orixe Rías Baixas, abríndolle así as portas a un futuro con garantías comerciais. Moraima, que foi pioneira na súa recuperación, xa elabora un viño con esta variedade que pronto poderá chegar ao mercado.


O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que “con Salomé queremos render homenaxe á Cooperativa Moraima e a todas as adegas do noso concello, ás que día a día manteñen viva a nosa identidade vitivinícola. A súa traxectoria é exemplo do que queremos celebrar nesta festa: tradición, compromiso, innovación e orgullo polo noso”.


Esta escolla simboliza tamén unha homenaxe a todas as persoas que, dende as viñas e as adegas, contribúen a facer do viño de Barro e do viño galego un produto recoñecido, estimado e presente en moitas mesas do mundo.


Un ano máis, a Festa do Viño de Barro pon no centro ás persoas e colectivos que, co seu traballo, dedicación e compromiso, fan que o noso concello medre e mellore. A elección de Salomé Cancela como pregoeira simboliza ese espírito de vinculación e entrega que Barro quere recoñecer e celebrar nunha festa que é moito máis que viño: é orgullo colectivo, identidade compartida e futuro construído entre todas e todos.