Mellora dos accesos ao lugar de Constenla

A Xunta de Goberno local vén de aprobar un proxecto para mellorar os accesos ao lugar de Constenla, na parroquia de Barro, unha actuación que permitirá reforzar a seguridade viaria e facilitar o acceso rodado ao núcleo.

🏗️ As obras permitirán renovar a capa de rodadura ao longo de arredor de 700 metros, desde Constenla ata o enlace coa estrada da Deputación en Chan de Santos. O proxecto tamén inclúe actuacións para a recollida e canalización das augas pluviais, mellorando a drenaxe e contribuíndo á conservación da vía.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Medio Rural, Obras de Accesos a núcleos, Seguridade Viaria e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron a zona onde se desenvolverán os traballos, unha actuación que responde ás demandas da veciñanza e permitirá seguir mellorando os accesos aos distintos núcleos das parroquias.

O investimento total ascende a 56.766,94 euros, dos que o Concello de Barro achega 9.852,11 e a Xunta financia 46.914,82, a través do programa de axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Traballo conxunto pola prevención das condutas adictivas

💬 Onte tivo lugar unha xuntanza dos alcaldes de Barro, Cuntis, Moraña e Portas co obxectivo de reforzar a coordinación e o traballo conxunto no desenvolvemento do Proxecto de Prevención das Condutas Adictivas no Eido Local.

🤝 Durante a reunión fíxose balance das accións desenvoltas ao longo de 2025 nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil e comunitario, analizouse a situación actual das condutas adictivas e consolidouse a aposta firme dos catro concellos pola prevención, tanto das adiccións con substancia como sen ela.

🧠 As condutas adictivas continúan a ser un dos grandes retos da nosa sociedade, polo seu impacto na saúde e no benestar das persoas. Por iso, os concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas renovan o seu compromiso de seguir traballando unidos, convencidos de que a prevención é a ferramenta máis eficaz para reducir a incidencia, a mortalidade, a morbilidade e os problemas psicosociais asociados.

🏛️ Este labor desenvólvese a través do Convenio de colaboración para o período 2025-2028, contando coa colaboración da Consellería de Sanidade

𝗕𝗔𝗡𝗗𝗢 | Limpeza de parcelas e prevención de incendios

Coa chegada da época de maior risco de incendios forestais, lémbrase a todas as persoas propietarias de parcelas e terreos da obriga de manter correctamente xestionada a biomasa vexetal, segundo a Lei 3/2007.

É fundamental manter as fincas limpas de maleza e vexetación combustible, así como respectar as distancias de seguridade arredor de vivendas, edificacións e vías públicas.

🗓 As parcelas deberán estar en condicións axeitadas, como mínimo, antes do 31 de maio.

Entre todas e todos podemos previr os incendios e protexer as nosas vivendas e o noso entorno.

📞 Para calquera dúbida ou máis información, podedes contactar cos servizos municipais do Concello de Barro.

Reunión co colectivo Laboratorio de Teatro

🎭 O concelleiro de Cultura, Adrián Silva, mantivo unha reunión coas integrantes do grupo de teatro xurdido da actividade municipal Laboratorio de Teatro.

Este grupo naceu grazas a unha iniciativa impulsada polo Concello, e ao longo deste tempo ten desenvolvido un excelente traballo, demostrando talento, compromiso e unha gran paixón polas artes escénicas.

Agora queren dar un paso máis: constituírse como asociación para consolidar o proxecto e garantir a súa continuidade no tempo.

Adrián Silva manifestoullo o apoio go goberno municipal a esta nova etapa e comprometeuse a seguir colaborando para que poidan continuar desenvolvendo o seu traballo e a súa afección. Nos vindeiros meses retomarán a actividade para preparar unha nova obra de teatro, que contará co respaldo municipal.

Moita sorte 🍀

O Concello de Barro presenta a programación do Entroido 2026, na que o Corvo de Coralia será o protagonista un ano máis

O Concello de Barro presentou a programación do Entroido 2026, unha proposta coa que se busca reforzar esta celebración no municipio apostando pola participación e implicación veciñal.

A programación dará comezo o domingo 15 de febreiro coa celebración da Corrida do Galo, unha actividade que se desenvolve en formato de semifinais nas distintas parroquias do concello. Ao longo da xornada haberá probas nas seis parroquias con diferentes horarios e localizacións. A Corrida do Galo é unha tradición local que o concello de Barro recuperou, e na que calquera veciño ou veciña pode participar. Esta tradición suma cada ano novos participantes de todas as idades.

Ese mesmo día, ás 18.00 horas no Centro Cívico, terá lugar tamén o concurso de filloas e orellas, no que as veciñas e veciños de Barro afeccionados á repostería tradicional poderán pór a proba o seu talento. O xurado está composto por profesionais da hostalaría e repostería locais.

A programación continuará o 22 de febreiro co Festival de Entroido, que se celebrará a partir das 17.00 horas no pavillón municipal. Durante esta xornada terá lugar a final da Corrida do Galo, o concurso de disfraces e a presentación do Corvo de Coralia, figura simbólica do Entroido de Barro.

O peche da programación chegará o 8 de marzo coa celebración do V Festival de Murgas, ás 19.00 horas na Nave da Música, xornada na que terá lugar a tradicional despedida e queima do Corvo de Coralia, poñendo o broche final ao Entroido 2026.

A programación foi presentada nun acto no que participaron o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o concelleiro de Cultura, Adrián Silva, e Tito Landín, veciño do concello e persoa encargada de elaborar o Corvo de Coralia, unha figura que se presenta durante o Festival de Entroido e se queima o último día da programación como símbolo de despedida da festa.

Desde o Concello de Barro animan á veciñanza a tomar nota das datas, preparar os disfraces e participar nas actividades, contribuíndo así a dar continuidade e forza a unha celebración que se quere seguir potenciando nos vindeiros anos.

Axudas para renovar e mellorar o sistema de depuración de augas residuais en vivendas unifamiliares

Axudas para renovar e mellorar o sistema de depuración de augas residuais en vivendas unifamiliares

Augas de Galicia convoca axudas para a substitución de sistemas antigos de tratamento de augas residuais por fosas sépticas ou sistemas de depuración máis eficientes, destinadas a vivendas unifamiliares.

💶 Ata o 100 % do investimento, cun máximo de 4.000 € por vivenda.

🗓️ Prazo de solicitude: do 16 de febreiro ao 16 de marzo de 2026.

📌 Dirixidas a vivendas unifamiliares sen acceso á rede municipal de saneamento.

➡️ Máis información no DOG:

https://www.xunta.gal/…/AnuncioO143-210126-0005_gl.html

🎭 Entroido de Barro 2026

O Entroido xa está en marcha en Barro e neste 2026 o concello volverá encherse de cor, humor e tradición cunha programación pensada para todas as idades.

A programación dará comezo o 15 de febreiro e desenvolverase ao longo das semanas seguintes con diferentes actividades vencelladas ao Entroido, entre as que se atopan a tradicional corrida do galo, diversos concursos, o festival de Entroido, o festival de murgas e os actos arredor do noso rei do Entroido, o Corvo de Coralia, que marcará o inicio e o peche desta edición.

👉 Desde o Concello animamos a toda a veciñanza a ir anotando as datas, preparar os disfraces e afinar a retranca para gozar dun Entroido de Barro 2026 cheo de festa e participación.

📌 Nos vindeiros días irase publicando información máis detallada sobre cada actividade, así como as bases dos diferentes concursos e eventos.

Recoñecemento a toda unha vida de servizo público

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abaraldes, fixo entrega dunha placa de agradecemento a Alberto Méndez Abal, con motivo da súa xubilación tras máis de tres décadas de traballo no Concello de Barro.

Alberto iniciou a súa andaina no ano 1986, desenvolvendo boa parte do seu labor no CEIP Amor Ruibal, onde conviviu con moitas xeracións de nenos e nenas, deixando unha fonda pegada pola súa proximidade e complicidade.

O alcalde expresoulle no nome da veciñanza de Barro o agradecemento polos seus anos de servizo á veciñanza e desexoulle todo o mellor nesta nova etapa da súa vida.

👏 Grazas, Alberto!

O Concello de Barro aproba a construción dun circuíto de pumptrack no lugar do Outeiro

O Concello de Barro vén de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto para a construción dun circuíto de pumptrack, cun investimento de 96.000 euros, que se financiará con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

A nova instalación executarase no lugar do Outeiro, na parcela anexa á piscina municipal, ampliando así a oferta de instalacións deportivas e de lecer do concello e creando un novo espazo ao aire libre para a práctica deportiva e o encontro veciñal.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, visitaron recentemente a parcela na que se levarán a cabo os traballos, comprobando in situ a localización e as posibilidades que ofrece este novo equipamento para o municipio.

O pumptrack é unha pista deportiva composta por curvas, lombas e peraltes que permite a súa utilización con bicicletas, patinetes, monopatíns ou skates. Trátase dun espazo pensado para persoas de todas as idades, mais especialmente para as nenas e nenos e a a mocidade do municipio.

Con esta actuación, o Concello de Barro continúa a apostar polo fomento da actividade física, a práctica de novos deportes e a promoción de hábitos de vida saudables, dotando á veciñanza dun novo espazo de lecer e deporte accesible e integrado no entorno municipal.