Barro presenta o cartaz da XLVII Festa do Viño e inicia a conta atrás para a súa celebración máis importante

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, xunto co concelleiro responsable da Festa do Viño, Iván Bello Ferreiro, presentaron na mañá de hoxe o cartaz oficial da XLVII edición deste emblemático evento. Durante o acto, o rexedor amosouse moi satisfeito pola evolución da cita, destacando que estamos ante unhacelebración que vai medrando ano a ano grazas ao esforzo de todas as partes implicadas. Segundo explicou Abraldes, esta corenta e sete edición é o reflexo dun proxecto consolidado que cada vez atrae a máis xente e que pon en valor os viños de Barro, que cada vez son máis recoñecidos pola súa calidade.

Aínda que o Concello desvelará a programación completa nos vindeiros días, os responsables adiantaron que o cartel musical volverá contar coa presenza de orquestras e actuacións de primeiro nivel para asegurar que a festa siga nesa senda de crecemento. Con todo, o alcalde quixo facer especial fincapé en que o verdadeiro protagonismo desta celebración, unha vez máis, recaerá nos colectivos e na veciñanza de Barro, cuxa implicación e participación son os auténticos piares sobre os que se asenta o éxito desta gran cita anual. A este respecto, Fernández Abraldes salientou que, aínda que a programación será potente, a alma da festa é a súa xente, xa que sen o traballo asociativo e o ambiente único que crea a veciñanza, a festa non tería a vitalidade que amosa en cada edición.

Entre os atractivos desta nova edición non faltarán o prestixioso certame de viños da D.O. Rías Baixas e o xa tradicional concurso de viños caseiros, unha cita que pon en valor o esforzo dos pequenos produtores locais e que é parte fundamental da esencia de Barro. A axenda completarase con diversas probas deportivas, actuacións pensadas para todos os públicos e o esperado xantar tradicional veciñal, un momento clave para a convivencia e a confraternidade. O alcalde lembrou que a programación está pensada para ofrecer actividades de calidade para todos os públicos, xa que o que se busca e que todas as veciños e veciños poidan gozar deste evento.

Finalmente, unha das maiores expectativas desta edición céntrase na figura da persoa encargada de dar o pregón. Nos vindeiros días anunciarase a identidade dunha persoa veciña de Barro, moi querida por todos polo moito que ten feito en favor da veciñanza ao longo da súa traxectoria. Con moitos segredos aínda por desvelar, Barro quece motores para vivir unha Festa do Viño que volverá ser unha demostración de orgullo e dunha vitalidade veciñal que non deixa de aumentar.

DÍA DO LIBRO 2026. BIBLIOTECA DE BARRO.

 A banda deseñada toma a Biblioteca de Barro! 


Na biblioteca de Barro, a lectura e a cultura medran tamén ao ritmo da banda deseñada, que nos aprende a mirar o mundo doutro xeito.
Neste curso académico, o proxecto lector do CEIP Amor Ruibal está centrado na banda deseñada, un xénero que combina linguaxe visual e textual e que resulta especialmente motivador. Así mesmo, no IES de Barro existe un club de lectura de cómics, o que evidencia o interese crecente deste formato entre a mocidade.
Para acompañar estas iniciativas, cómpre lembrar que a nosa biblioteca conta xa cunha sección específica de banda deseñada, que se verá reforzada cunha mostra de exemplares representativos do fondo bibliográfico existente.
Ademais, este ano realizouse a adquisición dun novo lote de cómics, co obxectivo de ampliar e actualizar a colección e seguir enriquecendo os recursos dispoñibles para a veciñanza.


Co fin de dar resposta a estas propostas, celebrar o Día do libro e fomentar a coordinación entre etapas educativas e a biblioteca pública, o Concello de Barro organiza unha exposición temática no salón de actos da biblioteca, coincidindo coa celebración do Día do Libro.
-A exposición permanecerá aberta ata o 20 de maio.
-As visitas do alumnado do CEIP e do IES desenvolveranse ao longo de tres semanas, a partir do día 20 de abril.
-Como actividade destacada, contaremos cunha visita guiada con Kiko da Silva o día 24, que achegará ao alumnado ao proceso creativo da banda deseñada.
Unha oportunidade para achegarse ao mundo da Banda Deseñada, descubrir novos títulos e seguir medrando como lectores e lectoras.

Barro estreou a súa nova pista de pádel cun partido de exhibición

O Concello de Barro estrou este domingo a nova pista de pádel municipal situada no núcleo do Santo Antoniño. A instalación, situada na rúa do Pazo, inaugurouse oficialmente cun partido de exhibición a cargo de veciños e veciñas afeccionadas a este deporte que cada vez ten máis seguidores.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou que esta instalación é un novo paso para completar a oferta deportiva e de lecer do municipio: “O noso obxectivo é que as veciñas e veciños de Barro teñan acceso a instalacións de calidade sen necesidade de desprazarse fóra do concello. Con esta pista de pádel gratuíta sumamos unha nova alternativa de lecer local que agardamos que teña moito uso e que axude a seguir fomentando a vida saudable e a convivencia no noso concello”.

A partir de hoxe, a pista quedará aberta baixo reserva para o uso de toda a veciñanza cun amplo horario para facilitar a conciliación e a práctica deportiva: estará operativa todos os días da semana, de luns a domingo, desde as 08:30 ata as 22:30 horas. Fiel ao seu obxectivo de promover o benestar da veciñanza, o Concello estableceu que a práctica de pádel nesta instalación sexa totalmente gratuíta.

Para garantir un uso organizado e xusto do espazo, será obrigatorio realizar unha reserva previa a través da páxina web oficial do concello (www.barro.gal). No momento da reserva, os usuarios e usuarias deberán aceptar as normas de uso da pista, velando así polo mantemento e o respecto por este novo ben público que vén enriquecer a oferta deportiva de Barro.

A nova pista sitúase na rúa do Pazo, nun espazo que foi obxecto dunha reordenación integral. Para a súa construción, os elementos de ximnasia e mobilidade para persoas maiores que alí se atopaban están sendo reparados e nos vindeiros días serán trasladados a unha zona sombreada próxima á nova tirolesa. Esta mellora permite crear un contorno deportivo máis accesible e agradable, facilitando o uso dos aparatos de ximnasia durante todo o ano baixo a copa das árbores.

Este proxecto, que foi executado pola empresa Urbatés S.L., supuxo un investimento total de 56.139 euros, no que tamén se incluíu a reforma dos vestiarios vellos do campo de fútbol de Outeiro. O financiamento deste proxecto municipal correu a cargo do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra 2025, unha aposta que permitiu ao Goberno local dotar ao municipio dun equipamento de lecer alternativo que fomenta a convivencia e a actividade física en todas as idades.

A concelleira de Deportes, Andrea Pérez, considera que con este proxecto “créase unha nova alternativa deportiva e de lecer en Barro, que agardamos que teña moito uso porque o pádel é un deporte que cada vez ten máis participantes e que é resulta moi atractivo para quen o practica porque cun par de días probando xa se pode acadar o nivel suficiente para desfrutralo”.

Convenio de colaboración entre o concello e o Barro CF

O Concello de Barro e o Barro C.F. consolidan un ano máis o seu compromiso co deporte local. O alcalde, Fernández Abraldes, e o presidente do club, José Sanmartín, formalizaron a renovación do convenio de colaboración nun acto que contou coa participación da concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, e de representantes da directiva da entidade deportiva local.

Este acordo supón unha achega municipal de 8.000 euros destinada a garantir que as/os cativas/os e mozas/os de Barro que o desexen conten con todas as facilidades para a práctica do fútbol.

Grazas a esta contribución do concello, o Barro C.F. poderá seguir impulsando a formación en fútbol e fútbol sala, promovendo a participación de nenas e nenos, fomentando o compañeirismo, o traballo en equipo e a vida saudable desde a base.

Fin ao confinamento das aves en Barro

Tras catro meses de restricións por mor da gripe aviaria, as galiñas do noso concello xa poden volver saír ao exterior con normalidade. O Ministerio de Agricultura autorizou hoxe o levantamento do confinamento xeral grazas á boa evolución sanitaria.

Malia o alivio en Barro, a prudencia mantense en 40 municipios galegos que seguen en zonas de risco ou vixilancia. Localidades veciñas como Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Meis ou Ribadumia aínda deberán manter as súas aves baixo teito ata novo aviso.