O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, xunto co concelleiro responsable da Festa do Viño, Iván Bello Ferreiro, presentaron na mañá de hoxe o cartaz oficial da XLVII edición deste emblemático evento. Durante o acto, o rexedor amosouse moi satisfeito pola evolución da cita, destacando que estamos ante unhacelebración que vai medrando ano a ano grazas ao esforzo de todas as partes implicadas. Segundo explicou Abraldes, esta corenta e sete edición é o reflexo dun proxecto consolidado que cada vez atrae a máis xente e que pon en valor os viños de Barro, que cada vez son máis recoñecidos pola súa calidade.
Aínda que o Concello desvelará a programación completa nos vindeiros días, os responsables adiantaron que o cartel musical volverá contar coa presenza de orquestras e actuacións de primeiro nivel para asegurar que a festa siga nesa senda de crecemento. Con todo, o alcalde quixo facer especial fincapé en que o verdadeiro protagonismo desta celebración, unha vez máis, recaerá nos colectivos e na veciñanza de Barro, cuxa implicación e participación son os auténticos piares sobre os que se asenta o éxito desta gran cita anual. A este respecto, Fernández Abraldes salientou que, aínda que a programación será potente, a alma da festa é a súa xente, xa que sen o traballo asociativo e o ambiente único que crea a veciñanza, a festa non tería a vitalidade que amosa en cada edición.
Entre os atractivos desta nova edición non faltarán o prestixioso certame de viños da D.O. Rías Baixas e o xa tradicional concurso de viños caseiros, unha cita que pon en valor o esforzo dos pequenos produtores locais e que é parte fundamental da esencia de Barro. A axenda completarase con diversas probas deportivas, actuacións pensadas para todos os públicos e o esperado xantar tradicional veciñal, un momento clave para a convivencia e a confraternidade. O alcalde lembrou que a programación está pensada para ofrecer actividades de calidade para todos os públicos, xa que o que se busca e que todas as veciños e veciños poidan gozar deste evento.
Finalmente, unha das maiores expectativas desta edición céntrase na figura da persoa encargada de dar o pregón. Nos vindeiros días anunciarase a identidade dunha persoa veciña de Barro, moi querida por todos polo moito que ten feito en favor da veciñanza ao longo da súa traxectoria. Con moitos segredos aínda por desvelar, Barro quece motores para vivir unha Festa do Viño que volverá ser unha demostración de orgullo e dunha vitalidade veciñal que non deixa de aumentar.

