Esta fin de semana seguimos de festas en Barro.
Desta vez é a quenda da VIII Festa da Xuventude e da Verbena. Non as perdades!

O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e de Seguridade viaria, Iván Bello, supervisaron os traballos de execución do proxecto co que o concello está creando unha nova conexión ao lugar de Valbón desde o núcleo de Santo Antoniño. O obxectivo deste proxecto é o de mellorar a comunicación entre o núcleo do Santo Antoniño con esta parte do concello e coa parroquia de Agudelo.
Con esta actuación, construirase unha nova estrada desde a rotonda da rúa do Pazo até o entronque co Camiño de Santiago, unha nova vía de comunicación que quedará totalmente urbanizada, con alumeado, con sendas peonís e con dous carrís de circulación.
Esta actuación tamén servirá para conectar o saneamento de augas residuais das vivendas do lugar de Valbón, polo que o concello xa ten adxudicado un novo proxecto para levar o saneamento a todo o lugar de Valbón e darlle saída a través deste nova conexión a través da ponte nova.
O proxecto conta cun orzamento de 174.986,82 euros, financiado con cargo á liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A empresa que está a executar os traballos é Construcións Vale S.L.




Este venres 27 de setembro #Toponimízate chega ao Concello de Barro cunha nova charla sobre como usardes a aplicación #GaliciaNomeada para serdes partícipes da conservación e xeorreferenciación dos nomes das leiras, montes, soutos e outros microtopónimos. Todos eles fan de Galicia un lugar excepcionalmente rico nun patrimonio inmaterial que temos a obriga de preservar.
Agardámosvos ás 20:00 horas na Casa do Concello de Barro. A sesión correrá a cargo do coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG, Vicente Feijoo.

O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Deportes, Iván Bello Ferreiro, supervisaron o remate das obras de renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Santo Antoniño.
Estas obras executáronse durante os meses de verán, por ser a época de menor uso das instalacións, e o obxectivo era que estiveran rematadas a tempo para o inicio do curso escolar.
Ademais da renovación da cuberta, nos vindeiros meses realizaranse outros traballos para rematar coa renovación integral das instalacións. Así, renovarase a pintura interior, substituirase a caldeira de gasoil por unha bomba de calor e implantaranse 80 placas solares na nova cuberta para dar servizo eléctrico ás instalacións municipais localizadas nas inmediacións do Santo Antoniño.


