Mafari escolle Barro para construír o seu centro loxístico e un torradeiro de café

O concello de Barro vén de aprobar a solicitude de licenza da empresa Mafari, para construír en Barro, no polígono de Outeda, unhas instalacións destinadas á torrefacción de café, ademais de para albergar o seu punto central loxístico.
Mafari construirá as súas instalacións en dúas parcelas, a A22 e a A23, que xuntas suman ao redor de 10.000 metros cadrados. A superficie que ocupará o complexo industrial sobre as parcelas será de 4.300 metros e a superficie total das instalacións será de máis de 6.000 metros. O orzamento total de execución das obras, antes de IVE, ascende a 3.700.000 euros

Barro xera electricidade de autoconsumo para as instalacións municipais de Santo Antoniño

Rematou a instalación na nova cuberta do pavillón municipal de máis de 130 placas solares, coas que se dará subministro eléctrico ás instalacións municipais de Santo Antoniño. O excedente de produción verterase á rede eléctrica xerando unha compensación económica para o concello e reducindo aínda máis a factura eléctrica.

Esta actuación, da man de outras que vén desenvolvendo o concello nos últimos anos, como o cambio da LED de grande parte da alumeado público ou actuacións de aforro nas depuradoras,  ten como obxectivo camiñar cara a descarbonización e abaratar a factura eléctrica, dado que supón un dos maiores desembolsos nas contas anuais do concello.

O orzamento deste proxecto ascendeu a 72.707,87 euros, dos cales 19.551 foron financiados con cargo a fondos propios municipais e os restantes con cargo a fondos europeos. A empresa que executou os traballos foi Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., por ser a mellor oferta presentada.

I Queima do Corvo de Coralia

🎭 O Entroido de Barro chegou ao seu fin coa primeira queima de Paco, o corvo burlón que é desde este momento o Rei do noso Entroido. Foron moitas as persoas que se achegaron para despedilo como se merecía, nunha noite chea de lume e emoción.

🔥 Ata o vindeiro ano, Paco!

O Corvo de Coralia visita os centros educativos

O alumnado do IES de Barro e do CEIP Amor Ruibl tiveron a oportunidade de coñecer de preto o Corvo de Corlaia, a figura tradicional do Entroido de Barro. Durante a visita, explicouse a historia deste personaxe e puideron ver a impoñente recreación do corvo.

O Corvo de Coralia será incinerado este domingo pola tardiña, poñendo así fin ao Entroido 2025.

Festival de Murgas e incineración do Corvo de Corlaia

🐦‍⬛ O Entroido de Barro chega ao seu fin este domingo 16 de marzo cunha xornada de festa que poñerá o broche de ouro a unha intensa programación chea de tradición e diversión. O Festival de Murgas será o gran protagonista da tarde, reunindo no escenario ás agrupacións Val do Lérez, Murga do Naveiro e Equipo Já, que farán gozar ao público co seu humor e música festiva.

Unha vez rematadas as actuacións, iniciarase a despedida do “Corvo de Coralia”. A incineración terá lugar nas inmediacións da Nave da Música, poñendo fin a esta edición do Entroido.

A veciñanza de Barro acompañará o defunto corvo ata o lugar da incineración e, despois dunhas sentidas palabras, procederase á queima dos seus restos

As historias do “Corvo de Coralia”

📺 As historias do Corvo de Coralia, a figura central do Entroido de Barro, contadas por veciñas e veciños do Curuto e de Porráns e por familiares de Coralia e de Camila, as donas do corvo.

É un privilexio poder contar cos testemuños directos de persoas que coincidiron e conviviron dunha forma ou de outra co “Corvo de Coralia”, un animal que vivíu en Barro a mediados do século pasado e que tiña, nada máis e nada menos, que o don da palabra.

Agora, grazas á contribución destas veceiñas e veciños de Barro queda documentada toda a información sobre esta “rara avis” que sofreu, entre moitas outras peripecias vitais, un secuestro con final feliz.

#Entroido2025

432.000 euros para transformar o acceso ao Parque da natureza de Barosa

O Concello de Barro vén de obter unha nova subvención para o presente ano. Desta volta trátanse de 367.235 euros para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa, cos que se financiarán o 85% dos traballos.

Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque ao logo dos seus preto de 500 metros, coa implementación de medidas de seguridade viaria, coa mellora dos aparcadoiros, coa creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago ou, entre outras actuacións, coa renovación integral do alumeado.

O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto.

O orzamento do proxecto ascende a 432.000 euros, dos cales o 85% financiarase con cargo ao Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra e o 15% corresponde á parte que ten que poñer o concello.