O Concello de Barro vén de obter unha nova subvención para o presente ano. Desta volta trátanse de 367.235 euros para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa, cos que se financiarán o 85% dos traballos.
Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque ao logo dos seus preto de 500 metros, coa implementación de medidas de seguridade viaria, coa mellora dos aparcadoiros, coa creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago ou, entre outras actuacións, coa renovación integral do alumeado.
O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto.
O orzamento do proxecto ascende a 432.000 euros, dos cales o 85% financiarase con cargo ao Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra e o 15% corresponde á parte que ten que poñer o concello.
