Obradoiros gratuítos “Nadal en Verde” (6–12 anos)
Cartel dos obradoiros Nadal en Verde do Concello de Barro
Continue readingBarro lanza a súa programación de Nadal con máis dunha vintena de propostas para todos os públicos
O Concello de Barro vén de presentar a programación do Nadal, unha proposta que volverá transformar o Pazo da Crega no corazón das festas e que se desenvolverá entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro. Un ano máis, o espazo contará cunha ambientación especial que converterá o Pazo nun lugar de encontro, celebración e convivencia para persoas de todas as idades.
A apertura oficial terá lugar o día 19 coa iluminación do Pazo, un dos momentos máis significativos do Nadal en Barro, e coa visita de Papá Noel para recibir as cartas das crianzas. A xornada completarase coa actuación de Peter Punk e cunha chocolatada que dará o pistoletazo de saída á programación festiva.
Nos días seguintes desenvolveranse propostas moi diversas, que van desde a audición do alumnado da Escola de Música ao trineo de Papá Noel que percorrerá Barro, pasando pola visita do Apalpador ou unha viaxe polas tradicións galegas do Nadal conducida por Lidia Mariño, que culminará co acendido do tizón, unha tradición recuperada nos últimos anos e moi ben acollida pola veciñanza.
O Nadal continuará con espectáculos e actividades culturais dirixidas a públicos de diferentes idades: a música en clave humorística de “Molto Barroco”, da compañía Píscore; o concerto da Coral Polifónica de Barro e das pandeireteiras de Peñaflor; a maxia de David Maestro; o Mercado de Nadal diante do Centro Cívico; ou a proxección de cine familiar con “MUFASA”. Tamén participarán os coros parroquiais, o grupo de acordeóns Rías Baixas e a compañía Chafallas, que ofrecerá teatro infantil na recta final de decembro.
A isto súmanse os obradoiros Nadal en Verde, tres mañás de actividades gratuítas dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que contribuirán a manter o Pazo como espazo de aprendizaxe e convivencia durante as vacacións escolares.
O 31 de decembro volverán celebrarse as Badaladas Miúdas, que permiten ás crianzas vivir o seu propio fin de ano en horario de mañá. Xa na madrugada do día 1 de xaneiro terá lugar unha festa diante do Centro Cívico para dar a benvida ao 2026. As primeiras datas do novo ano estarán marcadas pola música e a cultura, cun baile de aninovo con Ana Angueira, un recital de zanfonas e voz a cargo de Suso Vaamonde na Capela do Pazo e a posta en escena de “O Quebranoces”, interpretado polo Ballet de Galicia e a Banda de Música Xuvenil de Barro.
O programa pecharase o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades recibirán ás crianzas no Pazo da Crega, acompañadas polo Grupo de Danzas Amor Ruibal, antes de percorrer en comitiva o traxecto ata a Nave da Música. Alí celebrarase unha festa con música de DJ MOE e unha merenda de chocolate con rosca que poñerá fin a varias semanas de intensa actividade cultural e festiva.


Ramatan as obras de mellora e ampliación de vial en Valbón
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de Accesos a Núcleos e de Seguranza Viaria, Iván Bello Ferreiro, supervisaron a finalización dos traballos realizados no lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo.
A actuación, executada por COVSA e financiada a través da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, incluíu a ampliación do ancho do vial, a mellora da seguranza viaria e a renovación integral do asfaltado, permitindo un tránsito máis cómodo, seguro e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
Cun investimento de 87.334,08 €, esta obra supón un avance importante na mobilidade e na seguranza das persoas usuarias desta vía, tanto a pé como en vehículo.
O Concello continúa así coa súa estratexia de mellorar as comunicacións e os accesos aos núcleos de poboación das distintas parroquias, apostando pola seguranza viaria e pola posta en valor das aldeas.
Esta actuación, ao igual que outras de características similares impulsadas nos últimos anos, foi posible grazas á cesión voluntaria dos terreos por parte da veciñanza, un xesto que permite executar melloras que benefician ao conxunto do municipio.




Barro prepárase para a III BTT Camiños de Barro, que será o maior evento deportivo da historia do municipio
O Concello de Barro presentou, nun acto celebrado na Pedra do Home, a III BTT Camiños de Barro, un evento que continúa medrando e que se consolida como o maior acontecemento deportivo do municipio, coa previsión de 500 ciclistas inscritos. A proba está organizada polo Concello de Barro coa colaboración do Club Ciclista Ribadumia, da Federación Galega de Ciclismo e das comunidades de montes de Barro, A Portela e Perdecanai.
A edición deste ano chega cun percorrido practicamente novo ao longo de 50 km, deseñado para que as persoas participantes descubran novos recunchos naturais, patrimoniais e paisaxísticos do concello. Para facelo posible foi fundamental o traballo dun equipo de voluntarios que leva meses traballando no monte para definir e preparar o mellor percorrido posible.
Durante a presentación, o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou “o inmenso traballo que hai detrás desta proba”, resaltando que “detrás da III BTT Camiños de Barro hai meses de preparación, hai voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si, hai o apoio das comunidades de montes e hai un concello enteiro que empuxa. Barro, a pesar de ser un concello pequeno, pode presumir hoxe dunha organización exemplar, capaz de poñer en marcha un evento deportivo que xa é unha referencia no ciclismo de montaña”.
A proba, aínda que non competitiva, contará con varios tramos cronometrados, que engadirán emoción e permitirán aos ciclistas medir os seus tempos ao longo dun trazado pensado para gozar e desafiarse persoalmente.
Como é habitual, un amplo dispositivo formado por ducias de voluntarios e voluntarias velará pola seguridade nos cruces, zonas técnicas e puntos máis sensibles do percorrido, garantindo un desenvolvemento fluído e seguro.
As inscricións seguen abertas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, polo que aínda é posible participar nesta cita deportiva que aspira a converter de novo Barro na capital galega do BTT por un día.

𝗢𝗯𝗿𝗮𝗱𝗼𝗶𝗿𝗼𝘀 𝗱𝗲 𝗣𝗿𝗲𝘃𝗲𝗻𝗰𝗶𝗼́𝗻 𝗱𝗮𝘀 𝗰𝗼𝗻𝗱𝘂𝘁𝗮𝘀 𝗮𝗱𝗶𝘁𝗶𝘃𝗮𝘀
Un ano máis, inícianse en Barro os Obradoiros de prevención das condutas aditivas no ámbito escolar.
Estes obradoiros forman parte do Proxecto de prevención das condutas aditivas, no que o Concello de Barro participa desde o ano 2013 xunto cos concellos de Cuntis, Moraña e Portas, a través dun Convenio de colaboración e co cofinanciamento da Consellería de Sanidade (Dirección Xeral de Saúde Pública – Servizo de prevención das condutas aditivas).
Ao longo deste curso escolar 2025-2026, realizaranse no CEIP Amor Ruibal e no IES de Barro actividades e obradoiros destinados ao alumnado de 6º de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.
Con eles, e seguindo a evidencia científica, traballaranse factores de protección que reducen os riscos psicosociais na xuventude: hábitos saudables, habilidades sociais, habilidades de rexeitamento, autoestima, intelixencia emocional, entre outros.
Tamén se abordarán os mitos e riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías e ao consumo de tabaco, alcol e outras drogas.
Estas actividades reforzaranse ao longo do 2026 con obradoiros para familias e con campañas de información e sensibilización dirixidas á poboación xeral, fortalecendo así a aposta do Concello de Barro pola promoción de hábitos saudables e pola prevención das condutas aditivas, especialmente entre a mocidade.
Contacto do Servizo de prevención das condutas aditivas:
Este servizo está dispoñible de forma gratuíta e confidencial para calquera familia ou persoa que queira aconsellamento, orientación ou tratamento relacionado coas condutas aditivas:
Centro Ocupacional “A Ran” – Cuntis
986 59 59 22 (horario de 9:00 a 14:30 h)
prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es
Curso de iniciación á micoloxía
O Concello de Barro organiza un curso de introdución á micoloxía, dirixido a todas as persoas interesadas en coñecer o mundo dos cogomelos: identificación das especies máis comúns, hábitats, normas básicas de recolección e seguridade.
Trátase dunha actividade de carácter iniciático, pensada para quen desexe dar os primeiros pasos nesta disciplina.
As prazas son limitadas (25), polo que as inscricións confirmaranse por orde de chegada.
Inscrición: https://docs.google.com/forms/d/1v2zczI0HBTZzebhxPpC_x1YhI3JDwwz5mxOfFTGRWuw/edit?hl=es

Xoves ao clareo 2025
O programa “Xoves ao Clareo” 2025 do Concello de Barro propón un ciclo de actividades estivais dirixido á mocidade, cun enfoque lúdico, participativo e ao aire libre, todas no Pazo da Crega. As actividades están repartidas entre agosto e setembro, buscando ofrecer alternativas de ocio saudable e diverso para a xente nova do municipio.
📅 Actividades 2025:
- NOVA DATA: 21 de agosto (21:00 h): 🎨 Festa Holi con DJ MOE – Unha explosión de cor e música para comezar o ciclo con festa e enerxía.
- 21 de agosto (19:30 h): 🧗 Rocódromo – Actividade de escalada dirixida, que combina deporte e diversión.
- 28 de agosto (20:00 h): 🚴 Circuito en bici – Proba con obstáculos pensada para poñer a proba a destreza sobre dúas rodas.
- 4 de setembro (20:00 h): 💃 Baile Urbano – Obradoiro ou exhibición para practicar e gozar de ritmos modernos e urbanos.
📍 Lugar: Pazo da Crega
ℹ️ Máis información e inscricións: www.barro.gal
Unha proposta diversa, activa e gratuíta para dinamizar os seráns de verán e fomentar a participación xuvenil no concello.


CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE OS CONCELLOS DE CUNTIS, BARRO, MORAÑA E PORTAS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL” 2025 – 2028
O Concello de Barro reafirma a súa aposta pola saúde pública e, en especial, pola prevención das condutas aditivas trala firma e entrada en vigor, hoxe 1 de xullo de 2025, do novo “CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE OS CONCELLOS DE CUNTIS, BARRO, MORAÑA E PORTAS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL” 2025 – 2028.
Dende o Servizo de prevención das condutas aditivas continuaranse realizando actuacións preventivas nos principais ámbitos de socialización: escolar, familiar, xuvenil, laboral e comunitaria; pretendendo así, aumentar os factores de protección e diminuír os factores de risco asociados ás condutas aditivas, para lograr reducir a prevalencia destas condutas entre a nosa veciñanza, especialmente entre a xuventude de Barro.
Os Servizos que se prestarán de forma gratuíta na Unidade de Prevención das condutas aditivas serán:
- Asesoramento sobre tratamentos de deshabituación de drogas, intervención breve, derivación centros asistenciais.
- Asesoramento sobre tratamentos das adiccións sen substancias (abuso TRIC, xogos de azar), intervención breve, derivación centros asistenciais.
- Tratamento para deixar de fumar.
- Asesoramento familiar sobre a prevención das condutas aditivas dende a familia (prevención consumo de drogas, abuso das TRIC e uso/adicción a xogos de azar).
- Aplicación dos programas preventivos da Carteira de Servizos en materia de prevención das condutas aditivas (Consellería de Sanidade):
- Programa de prevención das condutas adictivas dende o ámbito educativo (PPCDE): Ámbito escolar, carácter universal.
- Cine e saúde: Ámbito escolar, carácter universal.
- Non pasa nada, pasa algo?: Ámbito escolar, carácter selectivo.
- Máis que un teito: Ámbito familiar, carácter universal.
- Activa: Ámbito xuvenil, carácter universal.
- Programa Comunitario de Información e Sensibilización: Ámbito comunitario, carácter universal.
- Programa combinado para deixar de fumar: Ámbito comunitario, carácter indicado.
- Ao alcance: Ámbito laboral, carácter universal
Finalmente, dende o Concello de Barro quérese animar á poboación a solicitar, sempre que o necesiten, algún dos Servizos preventivos antes sinalados, reiterando que os mesmos son gratuítos e confidenciais.
Contacto Servizo de prevención das condutas adictivas:
Dirección: Centro Ocupacional “A Ran”, Cuntis.
Teléfono: 986 59 59 22 (Horario de 9:00 a 14:30h)
E-mail: prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es










