O Concello de Barro organiza unha charla para axudar a previr ataques de Vespa velutina en persoas e animais e para dar as pautas a seguir no caso dun ataque

A Vespa asiática é unha especia invasora que non só provoca danos en cultivos ou en enxames de abellas, senón que supón un auténtico perigo para persoas e animais.

No ano 2023, en Galiza, faleceron máis de 10 persoas a causa de picaduras deste insecto, a maioría delas mentres facían labores agrícolas. É por iso que o concello de Barro, en colaboración con apicultores locais, decidiron levar a cabo unha charla dirixida á veciñanza para poder axudar a previr este tipo de ataques tanto en persoas como en animais.

Contarase tamén coa presenza de persoal sanitario, Christian Piñeiro, Médico residente especialista en medicina familiar e comunitaria, e Tania Rodríguez, enfermeira do Sergas, quen explicarán os protocolos a seguir no caso dun ataque.

Esta mesa redonda está composta tamén por Esteban Jamardo e Ángel Garabán, apicultores locais cunha longa traxectoria no combate desta especie invasora; por Jacobo Souto, que vivíu en primeira persoa os ataques deste insecto e por Pilar Calvo e Jose Manuel Martínez, propietarios de animais atacados.

Reparación e acondicionamento do antigo lavadoiro do lugar do Concello, na parroquia de Agudelo

O Goberno municipal de Barro continúa coa súa firme aposta pola recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais de titularidade municipal.

Desta volta o obxecto da actuación foi o antigo lavadoiro do lugar do Concello, na parroquia de Agudelo. Unha construción que xogou no pasado un importante papel como fonte de auga para as vivendas e como pozo de regar para as fincas de labranza dese entorno. É por iso que o criterio principal que se seguiu neste proxecto foi o de manter a tipoloxía orixinal desta construción.

O obxecto das obras foi o da reparación e reforzo da cuberta, o saneamento de todo o entorno, a reparación do pozo de regar e a mellora da recollida das augas.

A obra foi executada pola empresa Transportes e Cantería Antonio S.L. por ser a mellor oferta presentada. O orzamento total do proxecto foi de 9.965,68 euros, financiado con cargo a fondos propios municipais.

As cegas de Ouselle

🎶🪗 “As Cegas de Ouselle” é un espectáculo musical e visual que repasa o mundo das persoas cegas que antigamente tocaban polas feiras. Trátase dunha mirada actual sobre as pezas de tradición galega con especial achegamento ás músicas portuguesas.

Antón Castro pon a voz e a zanfona, aldara Palmeiro o violín e Miguel Lustres o acordeón e a voz.

Aparecen seis cachorros nun colector do lixo

O incivismo e a deshumanización máxima dalgunha persoa remataron con estes seis cachorros nun colector do lixo no lugar de Valbón.

Polo momento os cans están en bo estado e van ser trasladados á canceira coa máxima urxencia.

Estes feitos xa se puxeron en coñecemento das autoridades competentes. Se alguén pode achegar algunha información que axude a dar coa persoa responsable pode pórse en contacto con SEPRONA (986 540 008) ou co Concello de Barro nas oficinas municipais (986 711 002)