Barro lanza a súa programación de Nadal con máis dunha vintena de propostas para todos os públicos

O Concello de Barro vén de presentar a programación do Nadal, unha proposta que volverá transformar o Pazo da Crega no corazón das festas e que se desenvolverá entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro. Un ano máis, o espazo contará cunha ambientación especial que converterá o Pazo nun lugar de encontro, celebración e convivencia para persoas de todas as idades.

A apertura oficial terá lugar o día 19 coa iluminación do Pazo, un dos momentos máis significativos do Nadal en Barro, e coa visita de Papá Noel para recibir as cartas das crianzas. A xornada completarase coa actuación de Peter Punk e cunha chocolatada que dará o pistoletazo de saída á programación festiva.

Nos días seguintes desenvolveranse propostas moi diversas, que van desde a audición do alumnado da Escola de Música ao trineo de Papá Noel que percorrerá Barro, pasando pola visita do Apalpador ou unha viaxe polas tradicións galegas do Nadal conducida por Lidia Mariño, que culminará co acendido do tizón, unha tradición recuperada nos últimos anos e moi ben acollida pola veciñanza.

O Nadal continuará con espectáculos e actividades culturais dirixidas a públicos de diferentes idades: a música en clave humorística de “Molto Barroco”, da compañía Píscore; o concerto da Coral Polifónica de Barro e das pandeireteiras de Peñaflor; a maxia de David Maestro; o Mercado de Nadal diante do Centro Cívico; ou a proxección de cine familiar con “MUFASA”. Tamén participarán os coros parroquiais, o grupo de acordeóns Rías Baixas e a compañía Chafallas, que ofrecerá teatro infantil na recta final de decembro.

A isto súmanse os obradoiros Nadal en Verde, tres mañás de actividades gratuítas dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que contribuirán a manter o Pazo como espazo de aprendizaxe e convivencia durante as vacacións escolares.

O 31 de decembro volverán celebrarse as Badaladas Miúdas, que permiten ás crianzas vivir o seu propio fin de ano en horario de mañá. Xa na madrugada do día 1 de xaneiro terá lugar unha festa diante do Centro Cívico para dar a benvida ao 2026. As primeiras datas do novo ano estarán marcadas pola música e a cultura, cun baile de aninovo con Ana Angueira, un recital de zanfonas e voz a cargo de Suso Vaamonde na Capela do Pazo e a posta en escena de “O Quebranoces”, interpretado polo Ballet de Galicia e a Banda de Música Xuvenil de Barro.

O programa pecharase o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades recibirán ás crianzas no Pazo da Crega, acompañadas polo Grupo de Danzas Amor Ruibal, antes de percorrer en comitiva o traxecto ata a Nave da Música. Alí celebrarase unha festa con música de DJ MOE e unha merenda de chocolate con rosca que poñerá fin a varias semanas de intensa actividade cultural e festiva.