“Un libro baixo a almofada” chega á biblioteca de Barro. Ler conta moito.

BIBLIOTECA DE BARRO.

“Un libro baixo a almofada chega á biblioteca
Os máis novos da casa teñen unha cita moi especial con Catoxo e a súa fermosa proposta de narración oral. Un espectáculo pensado para achegar o alumnado de infantil do CEIP Amor Ruibal ao mundo da lectura… e dos soños! 
 
Cando era pequeno, a Caxoto custáballe moito prender o sono e sempre atopaba escusas para non deitarse. Pero un día, por imitar ao seu irmán maior, colleu un libro antes de durmir… e, sen darse conta, viviu unha noite chea de aventuras e soños que quixo repetir unha e outra vez.
Dende entón, cada noite converteuse nun pequeno ritual: un conto, un anaco de imaxinación e o libro gardado baixo a almofada para deixarse levar cara ao mundo dos soños 
 
 Este espectáculo é unha homenaxe a todos eses libros que nos marcaron, que nos marcan e que nos marcarán para sempre. Na biblioteca de Barro poderás atopalos.
 
Agardámos aos 50 nenos de infantil na biblioteca para pasar unha mañá divertida, chea de historias e emocións!

O Concello de Barro elixe ao investigador e artesán Celso García Alonso como pregoeiro da XLVII Festa do Viño

O Concello de Barro xa ten voz para a súa cita máis emblemática. Celso García Alonso será o encargado de dar o pregón da XLVII edición da Festa do Viño de Barro, unha decisión que foi anunciada hoxe oficialmente polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro responsable do evento, Iván Bello Ferreiro.

Celso García Alonso, natural de Portas pero veciño de Barro dende hai décadas, é unha figura profundamente vinculada ao tecido social e cultural da comarca. Tras unha vida profesional dedicada á rede viaria da Deputación de Pontevedra —un labor que iniciou con 19 anos e que lle permitiu coñecer de primeira man a xeografía provincial—, García Alonso destacou sobre todo polo seu incesante labor de recuperación do patrimonio galego.

O futuro pregoeiro é autor de obras de referencia como As campás galegas. Fundicións, un exhaustivo traballo de investigación etnográfica, e Froito dunha ilusión, libro no que narra a historia da Banda Xuvenil de Barro. Ademais da súa faceta como escritor, García Alonso mantén vivo o oficio de oleiro, elaborando pezas con técnicas tradicionais e ferramentas de fabricación propia.

Durante o acto de presentación, o alcalde Abraldes quixo poñer en valor a calidade humana do pregoeiro: “Celso foi escollido porque é unha persoa moi querida entre a veciñanza e representa como ninguén o cariño pola nosa cultura e a nosa historia”. Segundo o rexedor, a súa elección é un recoñecemento a unha vida dedicada a “preservar o que nos define como pobo”.

Coa elección de Celso García Alonso, o Concello de Barro reafirma a súa aposta decidida por dar o protagonismo da festa á propia veciñanza do municipio, unha liña de traballo consolidada dende hai anos para que sexa a xente da casa a que sinta e represente a súa festa grande. Deste xeito, a XLVII edición volverá ser unha exaltación da identidade e da cultura local a través dunha das voces máis queridas do seu patrimonio popular.

A lectura do pregón será, como é habitual, no acto de inauguración do Certame Rías Baixas, o venres 19 de xuño a partir das 20 horas.

Inauguración do ciclo de obradoiros para maiores de 50 anos

👩🏼‍🎓 Demos o pistoletazo de saída! Onte inauguramos con gran éxito o ciclo de formación para maiores de 50 anos co primeiro obradoiro: “Hábitos para unha mente saudable”.

Esta iniciativa, impartida por persoal da Universidade de Vigo, nace do convenio entre a UVigo e o Concello de Barro para achegar o coñecemento á nosa veciñanza.

Aínda estás a tempo de sumarte ás vindeiras citas

▪️ Prevención de caídas nas persoas maiores

📅 12 de maio | 🕟 16:30 h (3h)

▪️ Aprende a salvar unha vida

📅 26 de maio | 🕟 16:30 h (3h)

▪️ Timos

📅 3 de xuño | 🕟 16:30 h (2,5h)

📝 Podes inscrbirte nos obradoiros que máis che interesen. Na Biblioteca Municipal, en horario habitual de apertura.

O Concello de Barro presenta a IV Carreira Popular da Festa do Viño

O Concello de Barro e o Club de Atletismo +9 presentaron esta mañá a cuarta edición da Carreira Popular da Festa do Viño, que se celebrará o 7 de xuño. Trátase dunha proba que se consolida definitivamente no calendario deportivo galego e que continúa crecendo en participación e relevancia ano tras ano. Na presentación oficial, celebrada para dar a coñecer os detalles deste evento que se enmarca dentro da programación da Festa do Viño de Barro, estiveron presentes o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; a concelleira de Deportes, Andrea Pérez; o concelleiro responsable da Festa do Viño, Iván Bello; e o presidente do Club de Atletismo +9, Abel Barros, quen estivo acompañado por outros membros do Club de Atletismo.

A carreira popular mantén a súa esencia inclusiva con categorías para todas as idades, desde os máis pequenos con percorridos curtos adaptados ata a proba absoluta de 10 quilómetros destinada aos adultos. Un dos aspectos que máis valoran os participantes edición tras edición é o excelente ambiente de convivio que se crea entre as atletas ao finalizar a competición, convertendo o esforzo deportivo nunha xornada de confraternidade integrada plenamente no espírito festivo da vila.

O alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes quixo agradecer a estreita colaboración do Club de Atletismo +9, sinalando que sen o seu traballo e implicación non sería posible acadar o nivel organizativo actual. O rexedor afirmou que o Concello de Barro mantén unha aposta decidida por esta proba como unha ferramenta fundamental para o fomento da actividade deportiva e dos hábitos de vida saudables entre a veciñanza, ao tempo que serve como escaparate para promocionar o patrimonio e a contorna natural do municipio a todos os visitantes que se achegan para participar.

As inscricións para esta cuarta edición abriranse oficialmente o vindeiro día 11 de maio. Todas as persoas interesadas en participar deberán tramitar a súa solicitude de forma telemática a través da páxina web de Galitiming (www.galitiming.com), onde tamén se poderá consultar o regulamento completo da proba. As prazas son limitadas, polo que desde a organización animan a todas as persoas afeccionadas ao atletismo a non agardar ao último momento para inscribirse.