31 de MAIO – DIA MUNDIAL SEN TABACO – 2025

O 31 de maio de cada ano, a Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra o día Mundial sen Tabaco, co obxectivo de resaltar os riscos asociados ao tabaquismo; tanto para a saúde, como noutros ámbitos e avogar por políticas eficaces para reducir o seu consumo, sobre todo entre a xente máis nova.

Nesta liña, a OMS centra o Día Mundial Sen Tabaco deste ano 2025 en desvelar as tácticas que utiliza a industria do tabaco para facer que os seus produtos nocivos sexan máis atractivos, utilizando como lema:

“DESENMASCAREMOS O SEU ATRACTIVO: AS TÁCTICAS DA INSDUSTRIA COS PRODUTOS DO TABACO E NICOTINA AO DESCUBERTO”

Con esta campaña, preténdese informar sobre as tácticas ás que recorre a industria tabaqueira para manipular o aspecto dos seus produtos e facelos máis atractivos, e animar aos gobernos para que adopten políticas que prohiban os aromas e aditivos que aumentan o atractivo dos produtos do tabaco (cigarros electrónicos), regular o seu deseño para que resulten menos atractivos, así como, prohibir a súa publicidade e promoción a través de plataformas dixitais. Perseguindo con elo, reducir a demanda dos produtos do tabaco e da nicotina (tabaco, cigarros electrónicos/vapers).

Seguindo as indicacións da OMS, dende o Proxecto de prevención das condutas adictivas de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, sumámonos á prevención do tabaquismo a través da realización de Obradoiros de prevención do tabaquismo entre o alumnado de 6º EP e da ESO, e promovendo o abandono do consumo de tabaco entre todas as persoas fumadoras. Para iso, ponse á disposición dos e das fumadores/as materiais para facilitar o seu abandono e asesoramento psicolóxico gratuíto; ademais de recordar que, dende xaneiro de 2020, as persoas fumadoras dispoñen de varios tratamentos farmacolóxicos gratuítos para facilitar o abandono do seu consumo (consulta persoal atención primaria).

Asesoramento Psicolóxico para deixar de fumar: 986 59 59 22 / prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es

Finalmente, apélase á responsabilidade da poboación en xeral e, particularmente dos estancos e hostalería; recordando que está prohibida a venda, subministro e distribución de tabaco a menores de 18 anos (Lei 42/2010, do 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, do subministro, do consumo e da publicidade dos produtos do tabaco).

Para acceder ao cartaz do DÍA MUNDIAL SE TABACO prema aquí.

Para acceder ao MANIFESTO prema aquí.

Para acceder ao cartaz do ASESORAMENTO PSICOLÓXICO GRATUITO prema aquí.

Salomé Cancela será a pregoeira da XLVI Festa do Viño de Barro

O Concello de Barro anuncia con orgullo que Salomé Cancela Romero será a encargada de pronunciar o pregón da XLVI edición da Festa do Viño, que se celebrará no mes de xuño. A súa escolla representa un recoñecemento á tradición vitivinícola de Barro e, especialmente, ás persoas e proxectos que loitan cada día por dar visibilidade e prestixio ao noso viño.


Salomé Cancela é socia da Cooperativa Viña Moraima, fundada en Barro no ano 2006 por un grupo de viticultores locais convencidos do potencial e da calidade do noso viño. Filla dunha familia cunha fonda tradición vitícola, foi o seu pai un dos socios fundadores desta cooperativa que hoxe é símbolo de traballo colectivo, compromiso co territorio e aposta pola calidade. Salomé pertence á familia Mariño, unha das liñaxes históricas máis vencelladas á produción, elaboración e comercialización do viño en Barro. Familias coma a dos Mariño representan o peso da tradición, a paixón polo bo viño e o compromiso xeracional coa terra.


Ao longo da súa traxectoria, Salomé foi presidenta de Moraima e converteuse, ademais, na primeira persoa de Barro en formar parte como vogal do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, abrindo camiño para que a voz dos viticultores e viticultoras de Barro estivese presente nos espazos de toma de decisión.


Cómpre salientar tamén o papel protagonista de Moraima na recuperación da variedade autóctona ratiño, unha uva branca de pequeno tamaño e sabor singular, documentada xa en Barro no ano 1929. Durante décadas estivo ao bordo da extinción debido á súa sensibilidade ás pragas, mais grazas á colaboración entre a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e a cooperativa, esta xoia do patrimonio vitícola galego puido ser salvada. Tras anos de traballo e trámites administrativos, a ratiño foi incluída en 2023 na Denominación de Orixe Rías Baixas, abríndolle así as portas a un futuro con garantías comerciais. Moraima, que foi pioneira na súa recuperación, xa elabora un viño con esta variedade que pronto poderá chegar ao mercado.


O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que “con Salomé queremos render homenaxe á Cooperativa Moraima e a todas as adegas do noso concello, ás que día a día manteñen viva a nosa identidade vitivinícola. A súa traxectoria é exemplo do que queremos celebrar nesta festa: tradición, compromiso, innovación e orgullo polo noso”.


Esta escolla simboliza tamén unha homenaxe a todas as persoas que, dende as viñas e as adegas, contribúen a facer do viño de Barro e do viño galego un produto recoñecido, estimado e presente en moitas mesas do mundo.


Un ano máis, a Festa do Viño de Barro pon no centro ás persoas e colectivos que, co seu traballo, dedicación e compromiso, fan que o noso concello medre e mellore. A elección de Salomé Cancela como pregoeira simboliza ese espírito de vinculación e entrega que Barro quere recoñecer e celebrar nunha festa que é moito máis que viño: é orgullo colectivo, identidade compartida e futuro construído entre todas e todos.

Programa “+BENESTAR” 2025 – Deputación de Pontevedra.

A Excma. Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Barro organiza un Programa orientado a mellorar a calidade de vida e envellecemento activo. No Programa ofrécese unha estancia de seis días e cinco noites (entrada os domingos pola tarde e saída os venres despois de xantar) nun hotel con balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características similares da provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural.

Establecementos: GRAN TALASO HOTEL SANXENXO 4* (SANXENXO), HOTEL CARLOS I SILGAR 4* (SANXENXO), HOTEL SPA NORAT TORRE DO DEZA 4* (LALÍN), HOTEL SPA GALATEA 4* (PORTONOVO, SANXENXO), HOTEL NOVO ASTUR & SPA 3* (VILALONGA, SANXENXO), BALNEARIO DE MONDARIZ 4* (MONDARIZ-BALNEARIO) e TALASO HOTEL LOUXO LA TOJA 4* (ILLA DA TOXA, O GROVE).

Requisitos: Establecidos nas bases publicadas no BOPPO núm. 92, de 16 de maio de 2025:

– Estar empadroadas na provincia de Pontevedra

– Ter 55 anos ou máis

– No suposto de ter menos de 55 anos, deberá darse algunha das seguintes circunstancias:

  • Ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que se acreditará coa tarxeta ou co certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.
  • Posuír a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
  • Ter acreditado, polos servizos sociais comunitarios básicos do seu Concello, un respiro familiar.

– Non sufrir ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa.

– Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades con risco de contaxio.

– Poder realizar as actividades elementais da vida diaria de forma autónoma.

De acordo co establecido na base sexta da convocatoria, os importes a subvencionar pola Deputación viran dados polas condicións de cada solicitante, de forma individual. O Concello subvencionará 10,00 € por praza.

Os interesados/as deberán acudir ó Departamento de Servizos Sociais provistos do DNI e certificado da pensión si é o caso.PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES NO CONCELLO: ata o 6 de XUÑO de 2025.  

  • Para acceder ao ANUNCIO do Concello de Barro prema aquí.
  • Para acceder ao diptico da Deputación de Pontevedra, prema aquí.

Día das Letras Galegas 2025

Este 17 de maio celebramos a nosa lingua e a nosa identidade homenaxeando a poseía popular oral e as cantareiras, mulleres que conservaron e transmitiron o patrimonio oral e musical galego ao longo dos séculos.

Coa súa voz e saber popular, fixeron da palabra cantada un acto de resistencia, de comunidade e de cultura. É necesario recoñecer a súa memoria, a súa forza e o seu legado.

Reunión de Alcaldes para dar continuidade ao proxecto de prevención de conductas aditivas

Os alcalde dos Concellos de Barro ,Cuntis, Moraña, Portas e Campolameiro mantiveron hoxe unha reunión de traballo no Concello de Cuntis para dar continuidade ao proxecto de prevención das condutas adictivas no eido local, dando servizo de prevención das condutas adictivas á poboación dos Concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas. Dentro deste Proxecto, cofinanciado polos cinco concellos antes sinalados desenvolveranse varios programas preventivos da Carteira de Servizos en materia de prevención, pertencentes ao ámbito escolar, familiar, xuvenil e comunitario,  Intentando cos mesmos potenciar hábitos e estilos de vida saudable e promover a prevención das condutas adictivas entre a poboación de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas; especialmente entre  a súa xuventude e as familias con fillas e fillos en etapa escolar.

Servizos prestados pola Unidade de Prevención das condutas adictivas:

  • Asesoramento sobre tratamentos de deshabituación de drogas, derivación centros asistenciais.
  • Asesoramento sobre tratamentos das adiccións sen substancias (abuso TIC, xogos de azar), derivación centros asistenciais.
  • Tratamento para deixar de fumar.
  • Asesoramento familiar sobre a prevención das condutas adictivas dende a familia (prevención consumo de drogas, abuso das TIC e uso/adicción a xogos de azar).
  • Aplicación programas preventivos da Carteira de Servizos en materia de prevención das condutas adictivas (Consellería de Sanidade):
  • Programa de prevención das condutas adictivas dende o ámbito educativo (PPCDE). Ámbito escolar, carácter universal.
  • Cine e saúde. Ámbito escolar, carácter universal.
  • Non pasa nada, pasa algo? Ámbito escolar, carácter selectivo.
  • Máis que un teito. Ámbito familiar, carácter universal.
  • En familia todos contan. Ámbito familiar, carácter selectivo.
  • Activa. Ámbito xuvenil, carácter universal.
  • Programa Comunitario de Información e Sensibilización. Ámbito comunitario, carácter universal.
  • Programa combinado para deixar de fumar. Ámbito comunitario, carácter indicado.