LIMPEZA DE PARCELAS E XESTIÓN DAS FRANXAS DE PROTECCIÓN

Para dar cumprimento á Lei 3/2007 de 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta de Galicia,  as persoas ou entidades propietarias de parcelas deben mantelas limpas e xestionar correctamente a biomasa das franxas de protección antes do día 31 de maio do 2024:

  • As parcelas lindantes con solo de núcleo rural ou urbano, solo urbanizable, edificacións ou vivendas illadas, gasolineiras, parques e instalacións industriais deben manter limpa unha franxa de 50 metros medidos desde o límite do solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable;  medidos desde a parede exterior das edificacións ou medidos desde os límites da propiedade no caso de gasolineiras ou instalacións e parques industriais.

Nesta franxa de 50 metros non poderá haber especies pirófilas (piñeiros, eucaliptos, acacias, mimosas, etc.) e as árbores frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos, freixos, etc.) deberán separse 7 metros entre si, medidas de pé a pé.

Estas parcelas tamén deberán manter unha franxa de 15 metros na que tampouco poderá haber ningunha especie frondosa caducifolia.

  • As parcelas que estremen con estradas e vías non poderán ter nunha franxa de 10 metros especies pirófilas e nunha franxa de 4 metros especies frondosas cadudifolias.
  • Todas as parcelas deberán estar limpas de maleza (silvas, toxos, fentos, etc.), incluíndo aquelas parcelas que se atopen dentro de núcleo rural, urbano ou urbanizable.

De non se cumprir estas medidas contempladas na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia da Xunta de Galicia, a partir do 1 de xuño do 2024 a administración poderá impor sancións coercitivas ou abrir un expediente sancionador e executar subsidiariamente os traballos repercutíndolle o custo ás persoas ou entidades propietarias das parcelas.

Para imprimir o Bando prema AQUI.

Acordo de colaboración entre o concello de Barro e a Fundación Xoán XXIII

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o Director Xerente da Fundación Xoán XXII, Diego Chapela, subscribiron na mañá de hoxe un acordo de colaboración entre ambas entidades, a través do cal o Concello de Barro contribuirá a que a Fundación poida seguir adiante co seu labor social.

A Fundación Xoán XXIII é unha entidade sen ánimo de lucro que leva máis de 50 anos traballando pola inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial.

Coa sinatura deste contrato a Fundación farase cargo durante todo o ano do mantemento de todas as zonas verdes do parque da natureza das Fervenzas de Barosa coas persoas que traballan e forman na Fundación.

Recuperación do lavadoiro de Mane de Arriba

👷🏼‍♀️ Remataron os traballos de reparación, limpeza, acondicionamento e posta en valor da fonte e do lavadoiro do lugar de Mane de Arriba, na parroquia de Barro. O obxectivo era a recuperación e o adecentamento tanto do lavadoiro como do seu entorno.

🚧 Esta obra foi executada pola empresa Transportes e Canteria Antonio S.L., dentro do proxecto de ampliación de viais e de accesos ao lugar de Mane de Arriba.

🛣️ Nos vindeiros meses iniciarán os traballos de pavimentación no lugar.

Actividades de prevención de condutas aditivas

💬 Desde o Concello de Barro séguese apostando, un ano máis, pola promoción da saúde e a prevención das condutas aditivas. É por iso que, dentro do Proxecto de prevención das condutas aditivas de Barro, ao longo deste 2º trimestre escolar acábanse de realizar varios Obradoiros de prevención destinados ao alumnado da E.S.O do IES de Barro; a través dos cales se pretendeu reforzar factores de protección entre a nosa xuventude (autoestima, xestión emocional, habilidades sociais, xestión da presión grupal, mitos e riscos das drogas, e uso saudable e responsable das TIC), que reducirán a probabilidade de que desenvolvan unha futura conduta aditiva.

Don Ramón “O Asturiano” cumpre 101 anos

🎂 Moitos parabéns a Don Ramón “O Asturiano”, que acaba de cumprir nada máis e nada menos que 101 anos gozando dunha extraordinaria lucidez e con moita memoria.

🥳 Oxalá poida seguir sumando moitos máis gozando de boa saúde e rodeado da súa familia.

Abraldes traslada o seu apoio a Verónica Rial na reclamación por manter un tratamento para a súa filla Sara

O
alcalde recibiu no concello a Verónica Rial, quen lle quixo transmitir a
súa preocupación por unha situación que afecta á súa filla Sara, de 9 anos.

No ano 2016 a Sara intervírona para realizarlle un
implante coclear binaural, co obxectivo de combater un diagnóstico de
hipoacusia profunda froito dunha infección conxénita por citomegalovirus.

Para a recuperación de Sara é imprescindible un
tratamento logopédico, como así o avalan diversos informes médicos, mais desde
o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), da Consellería de Sanidade, trasladáronlle
á familia que ese tratamento suspenderase no momento de cumprir a cativa os 10
anos de idade. A familia de Sara está moi preocupada con esta situación e
reclama que se lle siga ofrecendo ese tratamento independentemente da súa
idade.

Abraldes transmitiulle o seu total apoio e a súa
solidariedade, pois considera que o SERGAS o que ten que facer é traballar ao
máximo con este tipo de pacientes mentres se comprobe que o tratamento funciona
e que está a mellorar a súa recuperación.

O alcalde comprometeuse a dirixirse ao Xerente da Área
sanitaria de Pontevedra, José Flores Arias, para trasladarlle a súa
preocupación e solicitar que se manteña o tratamento especializado a Sara
mentres sexa útil para a súa recuperación, sen verse afectado pola súa idade
nin por ningún outro motivo.

REXISTRO OBRIGATORIO DE EXPLOTACIÓNS AVÍCOLAS DE AUTOCONSUMO (GALIÑEIROS)

Don Xosé Manuel Fernández Abraldes, Alcalde-Presidente do Concello de Barro, fai saber que:

O novo Real Decreto 637/2021, do 27 de xullo, establece as normas básicas de ordenación das granxas avícolas e obriga ao rexistro das explotacións avícolas de autoconsumo. É por isto que todas as persoas que conten cun galiñeiro na súa vivenda teñen a obriga rexistralo no Servizo de Sanidade Animal da Xunta de Galicia.

Para facilidade da veciñanza de Barro, o concello puxo a disposición nas oficinas municipais un modelo do documento que hai que presentar (MR501A) e que se poderá presentar a través do Rexistro do Concello, sen necesidade de acudir ás dependencias da Xunta de Galicia. Para realizar este trámite é imprescindible achegar o DNI. Esta comunicación tamén se pode realizar a través de medio electrónicos. Para consultas relacionadas con este tema pódese contactar co Servizo de Gandaría de Pontevedra no teléfono 886 206 569.

Se quere acceder ao BANDO prema aqui.

Se quere acceder ao MODELO DE COMUNICACIÓN PREVIA prema aqui.

Maleta viaxeira

Hoxe visitou Barro o Subelegado do Goberno, Abel Losada, con motivo do 8M, Día Internacional da Muller para facernos entrega da MAVI, Maleta viaxeira pola igualdade.
Trátase dunha serie de publicacións sobre o tema da igualdade e que estarán a disposición da veciñanza na nosa biblioteca.

𝗖𝗮𝗽𝘁𝘂𝗿𝗮 𝗱𝗲 𝗿𝗮𝗶́𝗻̃𝗮𝘀 𝗱𝗲 𝗮𝘃𝗲𝘀𝗽𝗮 𝘃𝗲𝗹𝘂𝘁𝗶𝗻𝗮

Estamos no momento idóneo para colocar trampas contra a avespa velutina, pois é neste intre do ano cando saen para comezar a elaborar os niños primarios. Para minimizar os danos nos cultivos, nas colmeas e nas persoas e animais que provoca esta especie invasora é fundamental a colocación de trampas neste momento, xa que se as colocamos no verán non terán un efecto verdadeiro.

⚠️ Por cada raíña que se capture evitaremos a creación dun novo niño. É por iso que 𝗲𝘀𝘁𝗲 𝗲́ 𝗼 𝗺𝗼𝗺𝗲𝗻𝘁𝗼 máis importante para a colocación das trampas, que se deberán renovar cada 10/15 días.

Algúns exemplos de receitas para as trampas:

1️⃣ 200g de azucre / 400 ml de auga / 10 g de fermento
2️⃣ 200 g de azucre / 400 ml de zume de arándanos / 10 g de fermento
3️⃣ Podes mercar produtos xa preparados See less