CHAFALLAS, A VENDEDORA DE FUME

CHAFALLAS, a vendedora de fume, é unha viaxe poética e chea de maxia polo imaxinario popular, protagonizada por unha muller nómade que percorre os camiños contando historias para gañar a vida. Coa súa casiña ás costas e palabras enroscadas coma un caracol, Chafallas mestura narración, música e humor para dar forma a un espectáculo tenro e divertido, inspirado nos contos e cantigas tradicionais do rural galego e portugués. Entre embustes, romances, títeres e melodías que acompañan as noites sen teito ata a chegada da alborada, a función convida ao público de todas as idades a deixarse levar pola fantasía, a memoria colectiva e o pracer de escoitar historias contadas con verdade e corazón.

30 de decembro de 2025, no Pazo da Crega.

Entrada libre ata completar aforo.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra + Escénicas.

MOLTO BARROCO

Molto Barroco é unha proposta escénica que reivindica, desde o teatro e o humor, as composicións musicais da época barroca. Da man de Píscore Teatro, o público poderá desfrutar dun espectáculo cheo de música en directo e comedia, no que o encargo do Rei ao Compositor da corte para crear unha peza orixinal, con motivo do baile de petición de man da súa prometida, dá lugar a divertidas situacións cómicas xunto aos seus tres músicos de cámara. Gags, rutinas musicais, bailes e mesmo xogos malabares conviven cunha comedia de enredo paralela, protagonizada polo Rei, a súa futura Raíña e o Compositor, coa irreverente complicidade dun Bufón, dando forma a unha función dinámica, divertida e pensada para todos os públicos.

No Pazo da Crega ás 20h

Entrada libre ata completar aforo.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra +Escénicas.