Un ano máis, inícianse en Barro os Obradoiros de prevención das condutas aditivas no ámbito escolar.
Estes obradoiros forman parte do Proxecto de prevención das condutas aditivas, no que o Concello de Barro participa desde o ano 2013 xunto cos concellos de Cuntis, Moraña e Portas, a través dun Convenio de colaboración e co cofinanciamento da Consellería de Sanidade (Dirección Xeral de Saúde Pública – Servizo de prevención das condutas aditivas).
Ao longo deste curso escolar 2025-2026, realizaranse no CEIP Amor Ruibal e no IES de Barro actividades e obradoiros destinados ao alumnado de 6º de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.
Con eles, e seguindo a evidencia científica, traballaranse factores de protección que reducen os riscos psicosociais na xuventude: hábitos saudables, habilidades sociais, habilidades de rexeitamento, autoestima, intelixencia emocional, entre outros.
Tamén se abordarán os mitos e riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías e ao consumo de tabaco, alcol e outras drogas.
Estas actividades reforzaranse ao longo do 2026 con obradoiros para familias e con campañas de información e sensibilización dirixidas á poboación xeral, fortalecendo así a aposta do Concello de Barro pola promoción de hábitos saudables e pola prevención das condutas aditivas, especialmente entre a mocidade.
Contacto do Servizo de prevención das condutas aditivas:
Este servizo está dispoñible de forma gratuíta e confidencial para calquera familia ou persoa que queira aconsellamento, orientación ou tratamento relacionado coas condutas aditivas:
Centro Ocupacional “A Ran” – Cuntis
986 59 59 22 (horario de 9:00 a 14:30 h)
prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es



