432.000 euros para transformar o acceso ao Parque da natureza de Barosa

O Concello de Barro vén de obter unha nova subvención para o presente ano. Desta volta trátanse de 367.235 euros para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa, cos que se financiarán o 85% dos traballos.

Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque ao logo dos seus preto de 500 metros, coa implementación de medidas de seguridade viaria, coa mellora dos aparcadoiros, coa creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago ou, entre outras actuacións, coa renovación integral do alumeado.

O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto.

O orzamento do proxecto ascende a 432.000 euros, dos cales o 85% financiarase con cargo ao Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra e o 15% corresponde á parte que ten que poñer o concello.

Barro estreará neste 2025 unha pista de pádel

🏫 Neste ano iniciariarase a construción dunha pista de pádel no Santo Antoniño e reformaranse as instalacións do campo de fútbol do Outeiro. O orzamento total destes dous proxectos ascende a 97.000 euros, que se financiaran con cargo a Plan Extraordinario de Infraestructuras Deportivas da Deputación de Pontevedra.

🏓 A nova pista de pádel será unha instalación totalmente gratuíta e aberta ao uso da veciñanza de Barro, co obxectivo de promover a práctica de deporte para todas as idades e o benestar da comunidade. Este novo equipamento ofrecerá un espazo de lecer alternativo que fomentará a convivencia e a actividade física na zona.

🌳 Esta infraestrutura estará situada na área que actualmente alberga elementos de ximnasia e mobilidade para persoas maiores na rúa do Pazo. Estes elementos serán reparados e trasladados a unha zona sombreada, baixo a copa de árbores, cerca da nova tirolesa, o que facilitará o seu uso durante todo o ano e promoverá un entorno accesible e agradable para todos.

⚽ O outro gran proxecto en materia de instalacións deportivas para este ano do Concello de Barro executarase no Campo de fútbol do Outeiro. Con esta actuación renovaranse por completo os vestiarios vellos, realizaranse melloras nas gradas e renovarase a pintura de todas as instalacións

O Corvo de Coralia será a nova estrela do Entroido en Barro

O Entroido de Barro deste ano terá unha figura protagonista moi especial: o Corvo de Coralia. Inspirado nun famoso corvo que viviu no lugar do Curuto e que, segundo contan, tiña o don da palabra, este personaxe simboliza o espírito burlón e festivo propio do Entroido. O Concello de Barro quixo rescatar esta historia local para convertela no eixo central dunha programación cargada de tradición e novidades.

Segundo lembran as veciñas e veciños do lugar, este corvo adoitaba chamar pola súa dona desde o alto do hórreo ao berro de “Coralia! Coralia! Coralia!”. Pero o máis sorprendente era cando, coa súa voz ronca, tamén chamaba polas galiñas berrando “Churras! Churras! Churras!”, e estas acudían crendo que era a propia Coralia quen as chamaba para darlles de comer como facía habitualmente. O corvo, entón, recibíaas cunha gran gargallada: “ha! ha! ha!”.

O Corvo de Coralia representa á perfección o espírito do Entroido, unha festa milenaria onde a burla e a diversión son as protagonistas. O alcalde, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, e o concelleiro de Cultura, Adrián Silva, presentaron unha programación que culminará coa despedida do Corvo de Coralia. Ademais das actividades tradicionais, como a Corrida do Galo, o Festival de Disfraces e o Certame de Murgas, este ano inclúese unha nova proposta gastronómica: o Concurso de filloas e de orellas.

11 DE FEBREIRO. Dia da muller e a nena na ciencia.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA.

GALERÍA DE MULLERES NA CIENCIA.

Marta Cousido Rocha, nacida en Barro no ano 1992, incorporarase á #GaleríaDeMulleresNaCiencia de Barro.
No Día Internacional da Muller na Ciencia, destacamos a figura da nosa veciña Marta Cousido Rocha, pola súa valiosa contribución á análise dos ecosistemas mariños a través de modelos matemáticos, Marta merece un lugar na #GaleríaDeMulleresNaCiencia do noso concello. O seu traballo representa unha inspiración para as futuras xeracións, demostrando que a matemática e a estatística poden desempeñar un papel crucial na conservación do medio ambiente.
A súa historia é un testemuño de perseveranza e descubrimento, e recórdanos que os camiños cara á vocación poden ser inesperados pero sumamente gratificantes. Hoxe, Marta é un referente para as novas xeracións de matemáticas e estatísticas, animándoas a explorar a investigación aplicada en campos como a oceanografía. O seu traballo demostra que a ciencia dos datos é unha ferramenta clave para a sustentabilidade do planeta e a xestión responsable dos nosos recursos naturais.
Desexamos que o seu exemplo inspire a outras mozas do noso municipio para perseguir os seus soños no mundo da ciencia.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a artista de Barro, Aroa Outón, será a encargada de crear o retrato que se sumará a esta lista de mulleres dedicadas a diversos campos da ciencia.
Moitos parabéns , Marta! Estamos seguros de que o teu futuro será brillante e cheo de logros.

Abraldes analiza con Hipoges a situación dos terreos da SAREB en Barro

O alcalde, Fernández Abraldes, recibiu a visita dos responsables de Hipogés, a entidade encargada de comercializar os activos inmobiliarios de procedencia bancaria que ten a SAREB, e que en Barro posúe numerosos solares destinados a vivendas unifamiliares e edificios no núcleo urbano de Santo Antoniño.

No encontro, o alcalde informoulles da situación urbanística dos distintos terreos que a SAREB ten en propiedade no núcleo urbano do Santo Antoniño e analizaron as posibilidades de construción que ten cada un deles.

Os terreos situados na zona chamada SUR-1, destinados a vivendas unifamiliares, contan xa cunha urbanización moi avanzada e teñen a posibilidade de edificar de forma inmediata. Outra grande parte dos solares que posúe a SAREB en Barro están no denominado SUR-2, e son terreos destinados a 44 vivendas unifamiliares e tres edificios colectivos de 66 vivendas en total, e que a entidade que os adquira para construír tería que facerse cargo da urbanización.

Na reunión co alcalde participaron, Carlos Suárez, director territorial de Hipogés, xunto con outros responsables da entidade, quen mostraron a súa satisfacción tanto polas indicacións como pola colaboración do concello e manifestaron o gran potencial de mercado que lle vían aos distintos solares en Barro.