Festa infantil Fin de Ano. Badaladas miudas.

Despide o ano coas Badaladas miudas o 31 de decembro a partir das 11:15 da mañá con xogos, baile e badaladas ás 12:00. Agardámosvos no Pazo da Crega.

26 DEC. NADAL NO PAZO. CONCERTO NA CAPELA

🎻 Descobre a maxia da música nun escenario íntimo e especial! 🎶
Comprácenos convidarvos a un marabilloso concerto de música tradicional que terá lugar na máxica Capela de Santo Antón, no Pazo da Crega, un recuncho único cheo de historia e acústica excepcional. 🕍
📅 Data: 26/12/2023
🕕 Hora: 20:00 horas
📍 Lugar: Capela de Santo Antón Pazo da Crega
Localización: 42.5267297303715, -8.639023098500132
Este evento tan especial contará cos músicos, Josele e Lucía Comesaña que nos transportarán a través das notas polo Camiño. A atmosfera íntima da capela garante unha experiencia única e emotiva. 🎼🕯️
Dado que queremos preservar a intimidade e a calidade acústica do espazo, o aforo é limitado. Asegura a túa entrada achegándote un pouquiño antes para non perder esta experiencia única!

Aparecen seis cachorros nun colector do lixo

O incivismo e a deshumanización máxima dalgunha persoa remataron con estes seis cachorros nun colector do lixo no lugar de Valbón.

Polo momento os cans están en bo estado e van ser trasladados á canceira coa máxima urxencia.

Estes feitos xa se puxeron en coñecemento das autoridades competentes. Se alguén pode achegar algunha información que axude a dar coa persoa responsable pode pórse en contacto con SEPRONA (986 540 008) ou co Concello de Barro nas oficinas municipais (986 711 002)

Barro crea a mesa local contra a violencia de xénero

O goberno local do Concello de Barro celebrou este martes a primeira reunión para crear a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero. Será un organismo de carácter consultivo que se establecerá por primeira vez no Concello de Barro para coordinar o traballo das áreas implicadas co fin de garantir a atención e seguimento ás víctimas de violencia machista.

A concelleira de Igualdade, Lía Rodríguez, e o primeiro tenente de alcalde, José Sanmartín, recibiron á xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, para consensuar as bases e protocolos da iniciativa. Durante o encontro, no que tamén participou a Asistenta Social municipal, abordáronse temas relevantes relacionados con esta problemática e a situación que atravesa o concello en canto a casos violencia de xénero.

Tamén se trataron os principios do Plan Director e as accións que se desenvolverán entre a comunidade escolar e a veciñanza en xeral. A Mesa Local Contra a Violencia de Xénero estará presidida pola concelleira de Igualdade, Lía Rodríguez, con representación institucional da Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, entidades e colectivos sociais, así como todas as forzas políticas de Barro.

Abraldes asina a compra dos terreos da antiga central de Telefónica

O alcalde asinou en Madrid a formalización da compra da parcela na que está a central de Telefónica no Santo Antoniño, unha vez que quedou en desuso.

Unha vez que estea construído o novo centro de saúde, á parcela do actual centro médico engadirásella esta parcela recén adquirida e a parcela na que está o composteiro, para facer un gran solar de 700 m² no que poder construir un equipamento de uso sociosanitario.

O custo da compra desta parcela de Telefónica ascendeu a 17.331 euros.