EXPTE.: 284/2023
Procedemento: Selección de persoal.
ASUNTO: BASES SELECCIÓN POSTO GRAO EN TRABALLO SOCIAL – PROXECTO “PRIMEIRA EXPERIENCIA” NOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 2023/2024 NO MARCO DO PROGRAMA PLAN DE FOMENTO DA EMPREGABILIDADE.
CRITERIOS DE SELECCIÓN DAS PERSOAS BENEFICIARIAS DA SUBVENCIÓN PARA UN POSTO DE GRAO EN TRABALLO SOCIAL PROXECTO “PRIMEIRA EXPERIENCIA” NOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 2023/2024 NO MARCO DO PROGRAMA PLAN DE FOMENTO DA EMPREGABILIDADE.
ANTECEDENTES
– BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA NON COMPETITIVA, PARA O PROXECTO “PRIMEIRA EXPERIENCIA ROFESIONAL” NOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 2023/2024 NO MARCO DO PROGRAMA PLAN DE FOMENTO DA EMPREGABILIDADE, publicadas no Boletín Oficial da Provincia núm. 68 de data 10 de abril de 2023.
O proxecto “Primeira experiencia profesional” nos concellos da provincia de Pontevedra desenvólvese en dúas fases:
a)Primeira fase, de selección das entidades colaboradoras e de determinación do nivel de estudos para a obtención da práctica profesional adecuada a dito nivel baixo a modalidade de contrato formativo.
b)Segunda fase, de selección das persoas beneficiarias dos contratos formativos por parte das entidades colaboradoras tal e como se dispoña nas bases reguladoras e convocatoria.
BASES:
PRIMEIRA.—OBXECTO.
Estas bases teñen por obxecto regular o procedemento de selección das persoas beneficiarias das subvencións destinadas á contratación laboral de tituladas e titulados con titulo de técnico ciclo superior sen experiencia laboral previa co fin de poder adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
1.A) Relación de postos a seleccionar:
1 posto de GRAO EN TRABALLO SOCIAL
1.B) Titulación mínima esixida:
GRAO EN TRABALLO SOCIAL
SEGUNDA.— SELECCIÓN DAS PERSOAS BENEFICIARIAS DOS CONTRATOS EN PRACTICAS.
1. Na selección das persoas beneficiarias dos contratos aplicaranse criterios de valoración obxectivos, segundo o expediente académico, os estudos cursados, a formación relacionada co posto de traballo a desempeñar, o nivel de coñecementos etc.
2. Os concellos, como entidades colaboradoras, serán os encargados de levar a cabo a selección mediante a presentación da correspondente oferta de emprego na oficina do Servizo Público de Emprego do domicilio da entidade beneficiaria. Presentarase por titulacións tendo en conta os seguintes principios xerais:
c) A oferta non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios establecidos nestas bases.
d) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de selección a experiencia laboral na titulación requirida.
3. A selección efectuarase entre demandantes de emprego desempregados ou co cartón de mellora de emprego, inscritos no Servizo Público de Emprego e que cumpran os requisitos esixidos para a formalización dun contrato en prácticas. O ámbito de busca de emprego de cada concello non poderá superar o nivel provincial.
4. Presentada a oferta de emprego, o Servizo Público de Emprego levará a cabo unha preselección das persoas candidatas segundo as titulacións dos postos de traballo a desempeñar e a razón dun máximo de 5 por posto, que remitirá ao Concello para proceder á selección das persoas beneficiarias destas contratacións en prácticas.
5. Se ao tramitar a oferta non se atopan persoas candidatas idóneas a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garantan a idoneidade e o cumprimento dos requisitos esixidos para esta contratación, sen que sexa necesario neste caso a inscrición das persoas que se van contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
6. Para levar a cabo a selección o concello nomeará un tribunal cualificador, cuxa composición deberá adecuarse aos principios que regulan a constitución e funcionamento dos órganos de selección.
7. A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite establecida na resolución na que se concede a subvención.
TERCEIRA.- REQUISITOS DAS PERSOAS ASPIRANTES:
- Requisitos específicos Os contratos formativos poderán concertarse con aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:
- Que estean en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional.
- Que estean inscritos como demandantes ou en mellora de emprego no Servizo Público de Emprego.
- Estar empadroados nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra con anterioridade á data de publicación da propia convocatoria no BOPPO.
- Que no momento da contratación non transcorresen máis de tres anos, ou máis de cinco cando o contrato se realice cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos correspondentes estudos.
- Que non obtivera experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da entidade por un tempo superior a tres meses, sen que se computen a estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo esixido para a obtención da titulación que habilita esta contratación.
- Que non estean contratadas ou contratados en prácticas no momento da selección nalgún dos programas que contemplen contratos en prácticas ou formativos da Deputación de Pontevedra.
- Non haber estado contratada na mesma ou distinta entidade en virtude da mesma titulación. Tampouco na mesma entidade para o mesmo ou distinto posto aínda que se trate de titulacións distintas.
Tódolos requisitos esixidos deberán posuílos as persoas aspirantes o día de remate do prazo para a presentación de solicitudes e conservalos, polo menos, ata a data da súa contratación.
2. Requisitos xerais
- Ser español/a ou nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado, ó que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
Tamén poderán participar calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais algún estado ó que en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade que vivan ás súas expensas.
Tamén, quen non sendo español nin nacional dun estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que lle habilite para residir e poder acceder sen limitacións ó mercado laboral.
- Ter cumpridos dezaseis anos de idade e non ter acadado a idade de xubilación forzosa.
- Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das tarefas que se van realizar. Non padecer enfermidade, nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desenvolvemento das funcións propias das prazas obxecto desta convocatoria.
- Non estar separado/a, mediante expediente disciplinario do servizo ó Estado, ás Comunidades Autónomas ou ás Entidades Locais, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. No caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin estar sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ó emprego público.
- Non estar afectado/a por ningunha causa de incapacidade nin por ningún dos motivos de incompatibilidade recollidos na lexislación vixente sobre incompatibilidades do persoal ó servizo das administracións públicas.
CUARTA.— CRITERIOS DE SELECCIÓN DAS PERSOAS BENEFICIARIAS DAS CONTRATACIÓNS EN PRACTICAS.
O proceso de selección consistirá na valoración dos méritos acreditados polas persoas preseleccionadas polo Servizo Público de Emprego, e levarase a cabo conforme aos seguintes criterios:
a) Expediente académico: ata un máximo de 4,00 puntos, segundo a nota media calculada para as titulacións universitarias polo R. d. 1125/2003, de 5 de setembro, e para os ciclos de formación profesional polo R. d. 1147/2011, de 29 de xullo. No caso de que a media dalgunha das titulacións convocadas non estea calculada polas normas referidas ou esta non se especifique valorarase con 0,00 puntos.
b) Por ter un doutoramento relacionado co contido do posto: 2,00 puntos.
c) Por cada título oficial de máster universitario ou título propio da universidade de máster relacionado co contido do posto: 0,50 puntos cada un, ata un máximo de 1 punto.
d) Por posuír unha titulación académica oficial distinta e relacionada co posto de traballo que se vai desempeñar, de nivel igual ou superior á esixida para a formalización do contrato 0,50 puntos por título ata un máximo de 1 punto (neste apartado non se terán en conta as titulacións de nivel inferior que sexan necesarias para a obtención doutras de nivel superior nin as de máster ou doutoramento)
e) Por asistir a cursos de especialización, formación e perfeccionamento organizados por centros oficiais dependentes da Administración do Estado, da comunidade autónoma ou da Administración local, universidades, colexios oficiais ou escolas da Administración pública directamente relacionados co posto que se vai desempeñar (incluídos os organizados por sindicatos no marco do Acordo nacional de formación continua), ata un máximo de 2 puntos, que se computarán do seguinte xeito:
a) De máis de 150 horas duración: 0,30 puntos por curso.
b) De entre 100 e 150 horas de duración: 0,25 puntos por curso.
c) De entre 60 e 99 horas de duración: 0,20 puntos por curso.
d) De entre 30 e 59 horas de duración: 0,15 puntos por curso.
e) De entre 10 e 29 horas de duración: 0,10 puntos por curso.
f) Por acreditar o nivel de coñecemento da lingua galega co Celga 3 nos postos de ciclo superior ou medio ou 4 nos de licenciatura, grao ou diplomatura: 0,50 puntos
Non se terán en conta os certificados ou diplomas nos que non se especifique a duración do curso en número de horas ou créditos.
Tampouco se computarán as xornadas, congresos, seminarios ou cursos de duración inferior a dez horas.
O tribunal cualificador poderá requirirlles ás persoas aspirantes que acrediten a verificación dos extremos recollidos na documentación presentada así como cantas precisións estimen oportunas.
Nesta fase só se terán en conta os méritos que se xustifiquen documentalmente no día e hora que sinale o concello.
As puntuacións outorgadas publicaranse na sede electrónica do concello ou no taboleiro de anuncios.
No caso de empate entre as puntuacións das persoas aspirantes a orde de prelación determinarase dándolle preferencia á muller naqueles casos en que se produza una infrarrepresentación do sexo feminino, nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Igualdade. En caso de que o citado precepto non resulte aplicable ou persista o empate tras a súa aplicación, resolverase o empate en función da nota media global do expediente académico e, de persistir este, pola puntuación acadada nos seguintes apartados.
As puntuacións outorgadas publicaranse na sede electrónica ou páxina web do concello xunto coa relación de candidaturas seleccionadas por orde decrecente para cada posto de traballo ofertado, e indicaranse as persoas candidatas seleccionadas e as correspondentes suplentes.
As persoas candidatas poderán formular, ante o tribunal cualificador, as alegacións que estimen oportunas no prazo de dous días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na sede electrónica ou páxina web.
Examinadas as alegacións presentadas, o tribunal cualificador publicará a relación definitiva de persoas candidatas, por orde de maior a menor puntuación, coa correspondente proposta de contratación baixo a modalidade de contrato formativo, para cada posto de traballo ofertado.
QUINTA.— TRIBUNAL DE SELECCIÓN:
O tribunal corresponderalle a cualificación dos candidatos de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases. Estará constituído por número impar de membros funcionarios de carreira. A totalidade dos membros deberá posuír un nivel de titulación igual ou superior o esixido para o ingreso no corpo ou escala de que se trate.
Os membros dos órganos de selección deberán absterse cando concorran circunstancias previstas no art. 40 da Lei 40/2015 de 1 de outubro de Réxime Xurídico do Sector Público. Os aspirantes poderán recusalos cando concorra algunha de ditas circunstancias.
Composición do tribunal de selección incluída como Anexo 1 das presentes bases.
SEXTA.- DESIGNACIÓN DAS PERSOAS SELECCIONADAS.
O Tribunal, á vista dos resultados obtidos, proporá ó órgano competente a contratación da persoa aspirante que obtivese as maiores puntuacións, sobre a listaxe creada a tal efecto sen que, en ningún caso, poida superar o número de persoas propostas o das prazas convocadas.
Para a realización do chamamento sobre a listaxe de aspirante en base ás puntuacións finais, unha vez que o persoal competente da Área o estime oportuno, a persoa encargada de tal acto emitirá o informe ou dilixencia para dar constancia do mesmo, e incluíndoo no expediente.
En caso de que unha persoa candidata, unha vez realizado o chamamento para ocupar o posto, non acceda a ocupar o mesmo, se procederá ao chamamento da seguinte persoa candidata por rigorosa orde de puntuación, e así sucesivamente, ata ocupar a praza obxecto do mesmo.
O acordo que adopte o órgano competente será publicado no taboleiro de anuncios do Concello, para coñecemento de tódalas persoas aspirantes, que poderán interpoñelos recursos previstos na vixente lexislación.
SÉTIMA.-FORMALIZACIÓN DO CONTRATO.
Xustificada a documentación sinalada no punto anterior, o acordo definitivo de contratación que adopte o/a Alcalde/sa será publicado no taboleiro de anuncios do Concello, para coñecemento de tódalas persoas aspirantes, que poderán interpoñelos recursos previstos na vixente lexislación. O contrato será formalizado con data de inicio 15 de xullo 2023 e de acordo coa normativa laboral de aplicación, tendo en conta as especificacións da normativa vixente.
OITAVA.-INTERPRETACIÓN DAS BASES.
As presentes bases vinculan á Administración Local convocante, ó Tribunal Cualificador e ás persoas aspirantes que participen no proceso. O Tribunal Cualificador queda facultado durante o desenvolvemento do proceso de selección para resolver as dúbidas e incidencias que se expoñan na súa aplicación, podendo adoptar resolucións, criterios e medidas naqueles aspectos non regulados na presente convocatoria.
NOVENA.-NORMA FINAL
A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados/as nos casos e na forma establecidos pola Lei 39/2015 de 1 de Outubro de procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Do mesmo xeito, a Administración Municipal poderá, no seu caso, proceder á revisión das Resolucións dos Tribunais conforme co previsto na mencionada Lei 39/2015 do dia 1 de outubro.
ANEXO I.- COMPOSICIÓN TRIBUNAL DE SELECCIÓN
Presidente: Xesús Rodriguez Castro
Vogal: Isabel Alvarez Rueda
Secretario: Serafin Abal Novoa
Dilixencia: Para facer constar que as presentes Bases foron aprobadas por Resolución de Alcaldía 2023-0184 de 15 de xuño de 2023.
Para imprimir as bases (prema aquí)
Para ver a Acta da selección que tivo lugar o 4 de xullo de 2023 (Prema aquí).