Xa están totalmente rematados os traballos de mellora nos accesos ao lugar de Constenla, na parroquia de Barro. Esta actuación permitiu renovar a capa de rodadura ao longo de arredor de 700 metros, conectando Constenla coa estrada da Deputación en Chan de Santos, ademais de acometer a recollida e canalización das augas pluviais.
As obras foron executadas pola empresa Marconsa, ao presentar a mellor oferta no proceso de licitación. O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Medio Rural, Obras de Accesos a núcleos, Seguridade Viaria e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron a zona para comprobar en persoa o correcto remate dos traballos.
O investimento total ascendeu a 56.766,94 euros, dos cales o Concello de Barro achegou 9.852,11 euros e a Xunta de Galiza financiou 46.914,82 € a través do programa de axudas para camiños rurais 2026-2027, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.






