A nova instalación do Outeiro estará adaptada para bicicletas, patinetes e ‘skates’, e ofrecerá un novo espazo de lecer e convivencia para a mocidade.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Barro aprobou a adxudicación das obras de construción do novo circuíto de pumptrack á empresa LA PALA CIRCUÍTOS E EXCAVACIÓNS, ao resultar elixida a súa proposta por ser a mellor oferta presentada no proceso de licitación.
O proxecto conta cun orzamento total de 96.000 euros, financiado con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. O inicio dos traballos no terreo está previsto para as vindeiras semanas.
A nova infraestrutura situarase no lugar do Outeiro, nunha parcela anexa á piscina municipal, co obxectivo de seguir completando e ampliando a rede de equipamentos deportivos e de lecer do municipio.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, salientou a importancia desta actuación para a mocidade local: “apostamos decididamente por este novo equipamento deportivo para ofrecer á mocidade de Barro unha nova opción de lecer e de práctica deportiva, así como un espazo para fomentar a relación social entre a mocidade. Queremos dotar ao municipio de instalacións modernas, ao aire libre e adaptadas a novas formas de ocio creando un espazo de encontro saudable para a veciñanza”.
Un circuíto de pumptrack é unha pista deseñada con curvas, lombas e peraltes na que as persoas usuarias poden desprazarse aproveitando a inercia e o propio impulso do corpo. Trátase dunha instalación moi versátil, apta para a práctica con bicicletas, patinetes, monopatíns ou skates.
Aínda que é un espazo aberto a persoas de todas as idades, está especialmente deseñado para o goce das nenas, nenos e da mocidade de Barro. Con esta nova dotación, o Concello reafirma o seu compromiso co fomento da actividade física ao aire libre, a promoción de hábitos de vida saudables e a diversificación das disciplinas deportivas no municipio.
