Skip to content

O Concello de Barro elixe ao investigador e artesán Celso García Alonso como pregoeiro da XLVII Festa do Viño

O Concello de Barro xa ten voz para a súa cita máis emblemática. Celso García Alonso será o encargado de dar o pregón da XLVII edición da Festa do Viño de Barro, unha decisión que foi anunciada hoxe oficialmente polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro responsable do evento, Iván Bello Ferreiro.

Celso García Alonso, natural de Portas pero veciño de Barro dende hai décadas, é unha figura profundamente vinculada ao tecido social e cultural da comarca. Tras unha vida profesional dedicada á rede viaria da Deputación de Pontevedra —un labor que iniciou con 19 anos e que lle permitiu coñecer de primeira man a xeografía provincial—, García Alonso destacou sobre todo polo seu incesante labor de recuperación do patrimonio galego.

O futuro pregoeiro é autor de obras de referencia como As campás galegas. Fundicións, un exhaustivo traballo de investigación etnográfica, e Froito dunha ilusión, libro no que narra a historia da Banda Xuvenil de Barro. Ademais da súa faceta como escritor, García Alonso mantén vivo o oficio de oleiro, elaborando pezas con técnicas tradicionais e ferramentas de fabricación propia.

Durante o acto de presentación, o alcalde Abraldes quixo poñer en valor a calidade humana do pregoeiro: “Celso foi escollido porque é unha persoa moi querida entre a veciñanza e representa como ninguén o cariño pola nosa cultura e a nosa historia”. Segundo o rexedor, a súa elección é un recoñecemento a unha vida dedicada a “preservar o que nos define como pobo”.

Coa elección de Celso García Alonso, o Concello de Barro reafirma a súa aposta decidida por dar o protagonismo da festa á propia veciñanza do municipio, unha liña de traballo consolidada dende hai anos para que sexa a xente da casa a que sinta e represente a súa festa grande. Deste xeito, a XLVII edición volverá ser unha exaltación da identidade e da cultura local a través dunha das voces máis queridas do seu patrimonio popular.

A lectura do pregón será, como é habitual, no acto de inauguración do Certame Rías Baixas, o venres 19 de xuño a partir das 20 horas.