O Concello de Barro e o Barro C.F. consolidan un ano máis o seu compromiso co deporte local. O alcalde, Fernández Abraldes, e o presidente do club, José Sanmartín, formalizaron a renovación do convenio de colaboración nun acto que contou coa participación da concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, e de representantes da directiva da entidade deportiva local.
Este acordo supón unha achega municipal de 8.000 euros destinada a garantir que as/os cativas/os e mozas/os de Barro que o desexen conten con todas as facilidades para a práctica do fútbol.
Grazas a esta contribución do concello, o Barro C.F. poderá seguir impulsando a formación en fútbol e fútbol sala, promovendo a participación de nenas e nenos, fomentando o compañeirismo, o traballo en equipo e a vida saudable desde a base.
