O Concello de Barro presentou a programación do Entroido 2026, unha proposta coa que se busca reforzar esta celebración no municipio apostando pola participación e implicación veciñal.
A programación dará comezo o domingo 15 de febreiro coa celebración da Corrida do Galo, unha actividade que se desenvolve en formato de semifinais nas distintas parroquias do concello. Ao longo da xornada haberá probas nas seis parroquias con diferentes horarios e localizacións. A Corrida do Galo é unha tradición local que o concello de Barro recuperou, e na que calquera veciño ou veciña pode participar. Esta tradición suma cada ano novos participantes de todas as idades.
Ese mesmo día, ás 18.00 horas no Centro Cívico, terá lugar tamén o concurso de filloas e orellas, no que as veciñas e veciños de Barro afeccionados á repostería tradicional poderán pór a proba o seu talento. O xurado está composto por profesionais da hostalaría e repostería locais.
A programación continuará o 22 de febreiro co Festival de Entroido, que se celebrará a partir das 17.00 horas no pavillón municipal. Durante esta xornada terá lugar a final da Corrida do Galo, o concurso de disfraces e a presentación do Corvo de Coralia, figura simbólica do Entroido de Barro.
O peche da programación chegará o 8 de marzo coa celebración do V Festival de Murgas, ás 19.00 horas na Nave da Música, xornada na que terá lugar a tradicional despedida e queima do Corvo de Coralia, poñendo o broche final ao Entroido 2026.
A programación foi presentada nun acto no que participaron o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o concelleiro de Cultura, Adrián Silva, e Tito Landín, veciño do concello e persoa encargada de elaborar o Corvo de Coralia, unha figura que se presenta durante o Festival de Entroido e se queima o último día da programación como símbolo de despedida da festa.
Desde o Concello de Barro animan á veciñanza a tomar nota das datas, preparar os disfraces e participar nas actividades, contribuíndo así a dar continuidade e forza a unha celebración que se quere seguir potenciando nos vindeiros anos.





