Skip to content

Barro prepárase para a III BTT Camiños de Barro, que será o maior evento deportivo da historia do municipio

O Concello de Barro presentou, nun acto celebrado na Pedra do Home, a III BTT Camiños de Barro, un evento que continúa medrando e que se consolida como o maior acontecemento deportivo do municipio, coa previsión de 500 ciclistas inscritos. A proba está organizada polo Concello de Barro coa colaboración do Club Ciclista Ribadumia, da Federación Galega de Ciclismo e das comunidades de montes de Barro, A Portela e Perdecanai.

A edición deste ano chega cun percorrido practicamente novo ao longo de 50 km, deseñado para que as persoas participantes descubran novos recunchos naturais, patrimoniais e paisaxísticos do concello. Para facelo posible foi fundamental o traballo dun equipo de voluntarios que leva meses traballando no monte para definir e preparar o mellor percorrido posible.

Durante a presentación, o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou “o inmenso traballo que hai detrás desta proba”, resaltando que “detrás da III BTT Camiños de Barro hai meses de preparación, hai voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si, hai o apoio das comunidades de montes e hai un concello enteiro que empuxa. Barro, a pesar de ser un concello pequeno, pode presumir hoxe dunha organización exemplar, capaz de poñer en marcha un evento deportivo que xa é unha referencia no ciclismo de montaña”.

A proba, aínda que non competitiva, contará con varios tramos cronometrados, que engadirán emoción e permitirán aos ciclistas medir os seus tempos ao longo dun trazado pensado para gozar e desafiarse persoalmente.

Como é habitual, un amplo dispositivo formado por ducias de voluntarios e voluntarias velará pola seguridade nos cruces, zonas técnicas e puntos máis sensibles do percorrido, garantindo un desenvolvemento fluído e seguro.

As inscricións seguen abertas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, polo que aínda é posible participar nesta cita deportiva que aspira a converter de novo Barro na capital galega do BTT por un día.