Co obxectivo de estudar e analizar a situación na que se atopa a rede de saneamento actual do concello de Barro, contratouse un estudo exhaustivo da rede de canalizacións e colectores existentes para identificar aqueles que puideran presentar algún tipo de problemas relacionados con infiltracións ou que puideran presentaran eivas no seu funcionamento.
As infiltracións que foron identificadas grazas a este estudo están relacionadas coa entrada na rede de saneamento de augas pluviais ou de augas relacionadas con fontes ou mananciais que entran na rede. A entrada desta auga, maioritariamente de orixe pluvial, na rede de saneamento provoca que aumente o caudal e que baixe a eficacia dos tratamentos de depuración.
A identificación da entrada destas augas limpas na rede de saneamento é unha prioridade para poder acometer as obras necesarias para a súa separación, por iso este documento é fundamental para priorizar os traballos de mellora da rede existente.
Esta auditoría sacouse a contratación por un importe de 18.029 euros e financiouse con cargo a unha subvención da Xunta de Galiza de 14.423 euros dentro da liña de subvencións para auditorías da rede de saneamento para a detección de infiltracións que se convocaron para este 2024. A empresa que se encargou da execución destes traballos foi Cuarta Zona Ingeniería S.L.