Skip to content

A nova cuberta do pavillón de Barro acollerá a instalación de 135 paneis solares para dar servizo eléctrico ás instalacións municipais de Santo Antoniño

Barro vén de adxudicar un proxecto para unha instalación fotovoltaica composta por 135 paneis solares e 60,75 kw de potencia instalada na renovada cuberta do pavillón municipal, unha superficie que na que o concello aproveitou a súa reforma para adecuala e que puidera así estar preparada para albergar unha instalación de produción eléctrica renovable destas características.

Este é un proxecto que o concello de Barro leva bastante tempo xestando e polo que o goberno municipal apostou decididamente. Segundo afirma Fernández Abraldes, alcalde de Barro, este “é un proxecto estratéxico para Barro, pois permitiranos un importante aforro enerxético e poder destinar así eses recursos a outras actuacións, ao mesmo tempo que reducimos o consumo de electricidade provida de combustibles fósiles.”

Coa execución deste proxecto poderase dar servizo eléctrico aos locais e instalacións municipais de Santo Antoniño, incluída a piscina municipal e o colexio de primaria. Os excedentes de produción eléctrica, cando os houber, non se perderán, pois verteranse á rede eléctrica e o concello recibirá unha compensación económica que servirá para reducir aínda máis a factura eléctrica do concello.

O orzamento deste proxecto ascende a 72.707,87 euros, dos cales 53.156 euros financiaranse con cargo a fondos europeos e os restantes 19.551 euros irán a cargo de fondos propios do concello . A empresa encargada da execución será Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., por ser a mellor oferta presentada, e terá un prazo dun mes para a finalización das actuacións.

O goberno municipal segue traballando para mellorar estas instalacións, polo que tamén vén de adxudicar un proxecto para o pintado interior á empresa Alberto Trigo Calvo, ao mesmo tempo que vén de sacar a licitación a substitución da antiga caldeira de gasoil por unha instalación de aerotermia.