Skip to content

Formación sobre o alzheimer e outras doenzas

O martes 29 outubro de 16-20h, AFASAL (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias do Salnés) vai impartir no Salón de Plenos do Concello de Barro unha sesión informativa sobre Alzheimer e outras demencias, dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.

As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.

Por este motivo ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.