O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e de Seguridade viaria, Iván Bello, supervisaron os traballos de execución do proxecto co que o concello está creando unha nova conexión ao lugar de Valbón desde o núcleo de Santo Antoniño. O obxectivo deste proxecto é o de mellorar a comunicación entre o núcleo do Santo Antoniño con esta parte do concello e coa parroquia de Agudelo.
Con esta actuación, construirase unha nova estrada desde a rotonda da rúa do Pazo até o entronque co Camiño de Santiago, unha nova vía de comunicación que quedará totalmente urbanizada, con alumeado, con sendas peonís e con dous carrís de circulación.
Esta actuación tamén servirá para conectar o saneamento de augas residuais das vivendas do lugar de Valbón, polo que o concello xa ten adxudicado un novo proxecto para levar o saneamento a todo o lugar de Valbón e darlle saída a través deste nova conexión a través da ponte nova.
O proxecto conta cun orzamento de 174.986,82 euros, financiado con cargo á liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A empresa que está a executar os traballos é Construcións Vale S.L.