O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, convocou unha reunión de portavoces dos distintos grupos municipais con representación na corporación para falar da situación da sanidade no municipio, á que asistiron Roberto Rivas, portavoz do BNG, José Sanmartín, portavoz do PSOE, e Eduardo Ruadas, portavoz do PP. A única ausencia foi a do portavoz de PX’s, José Antonio Landín. Esta xuntanza foi promovida pola concelleira de Benestar, Lía Rodríguez, a través dun rogo ao alcalde na sesión plenaria ordinaria do mes de xullo.
No encontro constatouse a preocupación unánime pola situación do servizo sanitario que se está prestando no centro de saúde de Barro durante este verán, pois, ademais da problemática que se xera todos os anos ao non cubrir as vacacións de ningúns dos profesionais que atenden a medicina de familia no noso centro de saúde e que provoca, desde sempre, que cando un titular está de vacacións a outra persoa ten que facerse cargo da atención a todos e todas as veciñas de Barro, cos retrasos e complicacións que iso supón para unha atención de calidade, este ano vénse sumar tamén a xubilación dun deses profesionais.
Esta xubilación provoca que o centro de saúde fique unicamente cunha soa médica e que, cando esta non pode estar, o centro de saúde quede practicamente desatendido, pois unicamente mandan unha persoa a media xornada para facerse cargo da totalidade de doentes do centro de saúde. O que se deriva en que só se pode dar cita a unha parte mínima das solicitudes e que moitas veciñas e veciños teñan que desprazarse ao PAC de Pontevedra para poder recibir atención médica. Por este motivo, o alcalde e os portavoces municipais, acordaron dirixirse á xerencia da Área sanitaria Pontevedra-Salnés para solicitar que a praza que quedou vacante por xubilación se cubra de forma urxente e definitiva para paliar a situación que se está a provocar e, ao mesmo tempo, que se nalgún outro momento por algunha circunstancia puntual se volve producir que ningún dos facultativos titulares pode prestar o servizo, que a persoa substituta veña cun contrato a xornada completa e non de xornada parcial, para poder atender o maior número de citas posibles