Skip to content

Abraldes traslada o seu apoio a Verónica Rial na reclamación por manter un tratamento para a súa filla Sara

O
alcalde recibiu no concello a Verónica Rial, quen lle quixo transmitir a
súa preocupación por unha situación que afecta á súa filla Sara, de 9 anos.

No ano 2016 a Sara intervírona para realizarlle un
implante coclear binaural, co obxectivo de combater un diagnóstico de
hipoacusia profunda froito dunha infección conxénita por citomegalovirus.

Para a recuperación de Sara é imprescindible un
tratamento logopédico, como así o avalan diversos informes médicos, mais desde
o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), da Consellería de Sanidade, trasladáronlle
á familia que ese tratamento suspenderase no momento de cumprir a cativa os 10
anos de idade. A familia de Sara está moi preocupada con esta situación e
reclama que se lle siga ofrecendo ese tratamento independentemente da súa
idade.

Abraldes transmitiulle o seu total apoio e a súa
solidariedade, pois considera que o SERGAS o que ten que facer é traballar ao
máximo con este tipo de pacientes mentres se comprobe que o tratamento funciona
e que está a mellorar a súa recuperación.

O alcalde comprometeuse a dirixirse ao Xerente da Área
sanitaria de Pontevedra, José Flores Arias, para trasladarlle a súa
preocupación e solicitar que se manteña o tratamento especializado a Sara
mentres sexa útil para a súa recuperación, sen verse afectado pola súa idade
nin por ningún outro motivo.