Skip to content

Barro crea a mesa local contra a violencia de xénero

O goberno local do Concello de Barro celebrou este martes a primeira reunión para crear a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero. Será un organismo de carácter consultivo que se establecerá por primeira vez no Concello de Barro para coordinar o traballo das áreas implicadas co fin de garantir a atención e seguimento ás víctimas de violencia machista.

A concelleira de Igualdade, Lía Rodríguez, e o primeiro tenente de alcalde, José Sanmartín, recibiron á xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, para consensuar as bases e protocolos da iniciativa. Durante o encontro, no que tamén participou a Asistenta Social municipal, abordáronse temas relevantes relacionados con esta problemática e a situación que atravesa o concello en canto a casos violencia de xénero.

Tamén se trataron os principios do Plan Director e as accións que se desenvolverán entre a comunidade escolar e a veciñanza en xeral. A Mesa Local Contra a Violencia de Xénero estará presidida pola concelleira de Igualdade, Lía Rodríguez, con representación institucional da Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, entidades e colectivos sociais, así como todas as forzas políticas de Barro.