Skip to content

O Pazo da Crega engalánase para converterse no epicentro do Nadal, cunha programación especialmente dirixida ao público infantil

O Pazo da Crega ultima os últimos detalles para converterse no epicentro do Nadal. Unha equipa de persoas voluntarias leva semanas traballando para pór a punto unhas instalacións polas que pasarán centos de persoas durante este Nadal e que acollerá unha extensa programación na que os máis cativos será os protagonistas.

A apertura das instalacións terá lugar o venres 22, momento a partir do cal o propio Papá Nöel en persoa recibirá as nenas e nenos de Barro, que poderán entregarlle as cartas en man.  O mesmo día da inauguración tamén haberá a actuación de Migallas Teatro.

Unha extensa programación que comezará con Migallas nun Pazo da Crega polo que ao longo do Nadal pasarán diferentes grupos e artistas, con actuacións pensadas para todos os públicos: Os Piñeiriños, Josele e Lucía Comesaña, o Grupo de acordeóns Rías Baixas, Aghrú acompañados de Ana Angueira, Caxoto, o grupo de danzas Amor Ruibal, as pandereteiras de Peñaflor, a coral de Curro e a Coral Polifónica de Barro, As Cegas, Branca e Negra, o mago Teto e a Banda Xuvenil de Barro.

Ademais de Papá Nöel, pola Crega tamén pasará o Apalpador o día 30 decembro e os Reis Magos, o día 5, que iniciarán desde o Pazo a tradicional Cabalgata ata a Nave da Música.