Patrimonio
O concello de Barro posúe variedade de lugares a visitar: conxuntos parroquiais con Igrexas e cemiterios, pequenas capelas dispersas na natureza, tradicionais pazos de gran extensión, petróglifos, muíños en fervenzas…
Experimentar semellante mestura de historia con contorna natural pode converterse nun camiño de constante crecemento e disfrute para calquera visitante.
Petróglifos do Monte Bazar
Antes da escritura, as sociedades agrícolas adoitaban empregar códigos simbólicos para marcar o seu territorio ou narrar unha historia.
O roteiro dos petróglifos Bazar, en Barro, resulta unha das máis atractivas visitas turísticas do concello. Camiñando 3 km (35 minutos aproximadamente) poden percorrerse tres enclaves con mostras de arte prehistórica de gran valor patrimonial, inseridas na súa contorna natural.
Castro Loureiro, Outeiro de Codeso e Pedra Mirtada son os nomes dos tres emprazamentos, unidos por un carreiro circular sinalizado. As mellores horas para apreciar esta arte prehistórica son temperá na mañá, ou ben avanzada a tarde para atopar a luz correcta.
Petróglifos de Castro Loureiro
Grupo que inclúe catro bloques de granito con motivos xeométricos de círculos concéntricos con coviña central ou non, e trazos lineais. É a temática máis representada na arte rupestre galega.
Petróglifos de Outeiro de Codeso
Grupo que inclúe catro bloques de granito con motivos xeométricos de círculos concéntricos con coviña central ou non, así como grupos de coviñas dentro de círculo ou repartidas pola superficie. Sinalar o gravado da rocha 3 que lembra os motivos oculados.
Petróglifos do Outeiro da Pedra Mirtada
Grupo que inclúe catro rochas con gravados: un grupo de cinco coviñas soltas e outras cinco en torno a unha liña, en xeral moi erosionadas. Nos bloques 1, 2, 3 con sinais de antiga extracción de pedra consérvanse grupos de pequenas cazoletas . No bloque 4, illado a ras do chan, unha cubeta rectangular ou muiño de soporte fixo ocupa a metade da pedra dividida por unha greta natural. Na outra metade, unha curiosa coviña rectangular e outra circular. As coviñas son a temática máis representada na arte rupestre galega. A súa orixe pode ser moi antiga. Os muíños de soporte fixo son elementos para a moenda de plantas e minerais para uso ritual en celebracións sociais.
Cronoloxía: desde 3000 antes de Cristo ata a cultura castrexa.
O significado é complexo. Representan un código simbólico dos grupos sociais agrícolas que os crearon, ben para transmitir unha narración, ben para marcar un territorio, etc.
Consellos para unha boa experiencia e conservación da arte rupestre:
- A hora máxica: o mellor momento para a visita coincide coa luz do sol de mañá ou á tardiña, cando incide de xeito oblicuo, facendo resaltar os sucos nas superficies rochosas e permite a mellor visualización dos motivos.
- Tocar ou pisar os gravados son accións danosas, axudan a acelerar a súa erosión e á perda de miles de anos da nosa historia.
- Non debemos remarcar os gravados. O uso de pinturas ou tintas axudaría a súa alteración e a destrución.
- Durante o percorrido utilice os sendeiros habilitados para a visita.
- Respecte o arborado e a vexetación existente.
- Leve consigo o lixo ou obxectos danosos para o ambiente e deposíteos nos lugares axeitados.
Como chegar aos petróglifos de Monte Bazar?
San Breixo de Barro
A igrexa de San Breixo está situada no lugar de Barro, lugar que lle dá o nome á parroquia de Barro e que esta, á súa vez, ao concello de Barro. A súa localización, no alto dun outeiro e rodeada dunha gran chaira, favorece a celebración dunha das máis importanres romarías da comarca: a romaría de San Breixo, que se celebra o primeiro domingo de outubro.
Existe constancia do culto a este santo de orixe portuguésa desde o século IX, pois achouse un rexistro do ano 896 no que consta un donativo que fixeron sete irmáns. Foi unha importante doazón a este templo que, segundo consta, erguera seu avó cen anos atrás. Convérteo isto nun dos cultos cristiás máis antigos de Galiza.
O máis posible é que este enclave fose xa un lugar de culto precistiá, pois hai catalogado un castro a escasos metros. Despois, xa na Idade Media, ergueríase o tempo cristiá, xa que era costume na altura cristianizar aqueles lugares relacioandos con cultos pagás.
A igrexa sofreu distintas reformas e ampliacións. No ano 1676 constrúese a sacristía e no 1748 realizouse unha importante obra que afectou a gran parte da igrexa, tamén se fixo neste momento o retablo do altar maior e cuxos gastos foron sufragados pola Cofradía da Nosa Señora das Virtudes e Smo. Sacramento; por limosnas de feligreses e pola venda dunha lámpada de prata.
O 13 de decembro de 1893, segundo relata D. Jesús Gago Blanco, un raio derrubou a torre da igrexa, as campás e o primeiro corpo da cuberta, xusto dous anos despois de ter sido renovado o armazón do tellado.
Circularon pola parroquia e arredores distintas lendas sobre as campás: unha decía que estas foran fundidas polo raio, outra que sairan despedidas e que remataran soterradas na Barosa e outra que relata como unha campá voou ata dar cunha pedra, pedra da que comezaría a brotar a auga da fonte de San Breixo.
O certo é que existe documentación que acredita que as campás foron fundidas e que o párroco ingresou 720 pesetas por elas, diñeiro que empregou para pagar parte do custo da reconstrución dos elementos danados, un custo que ascendeu a un total 5.465 pesetas.
Como chegar á Igrexa de San Breixo?
Situada en Barro, esta Igrexa está rodeada por monte e cultivos agrícolas.
En coche, pode chegarse desde Santiago de Compostela (AP-9) en 45 minutos, e desde Pontevedra (N-550) en 20 minutos.
Igrexa de San Martiño en Agudelo
Este templo constitúe un dos mellores exemplos da arte románica mellor conservados da comarca, cuxa ornamentación da fachada é atribuída á escola compostelá do Mestre Mateo, creador do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.
Na actualidade esta igrexa presenta unha planta de cruz latina e unha particular ábsida semicircular románica do século XII separada en cinco vans con tres xanelas, similares ás das igrexas de Gargantáns ou de San Andrés de Cesar.
Posiblemente da época barroca son os diferentes engadidos posteriores como a sacristía, as naves laterais ou o torreón do campanario.
Na fachada atopamos parte da obra orixinal, a cal está composta de dúas columnas que sosteñen unha arquivolta con motivos zoomorfos e vexetais. Destaca o tímpano decorado con San Martiño e o Agnus Dei.
Como chegar á Igrexa de San Martiño?
Outras Igrexas de Barro
O valor patrimonial das igrexas no concello non acaba ao coñecer as dúas máis populares.
Por exemplo, os templos de Curro e Perdecanai están dedicados ambos a Santa María. O primeiro consta unha planta en forma de “L”, calidade que comparte coa igrexa de San Mamede da Portela, en Cancela.
Outra característica que coincide en varias edificacións relixiosas da zona é o emprego de cantería irregular na súa construción. Algunhas fachadas con portas adinteladas e fornelo poden chamar a atención dos visitantes.
Pola súa banda, a Igrexa de San Andrés en Valiñas destaca polo seu pedestal sobre tres gradues, o fuste moi traballado con diversos relevos, e o seu capitel con volutas continuando en cruz con Cristo.
Como chegar?
En coche, unha excursión a calquera destas reliquias toma media hora desde Pontevedra cidade.
Serían aproximadamente 45 minutos desde Santiago de Compostela. Unha vez no pobo, non será difícil situalas, dado que varias delas atópanse dentro dun conxunto parroquial xunto co cemiterio ou a Casa Reitoral.
Muíños do Río Barosa
O conxunto destes 17 muíños de auga situados a ambas marxes do río constitúen un dos complexos naturais e etnográficos de maior valor. A chegada do pobo europeo a América e a conseguinte chegada do millo ás nosas provocou que este lugar sofrira unha enorme expansión, pois os muíños existentes non eran abondo para moer todo o gran que se comezou a cultivar.
Nos 17 muíños súmanse un total de 33 moas, das cales 31 eran para a moenda do millo e do centeo e dúas para moer trigo. Algúns deste muíños son de canle, quere dicir que moen directamente coa auga que entra do río, outros deles son de cuba, un sistema que permite acumular auga nunha sorte de depósito para usar, por exemplo, en épocas de seca nas que o río trae pouca auga.
Orixinalmente os muíños dependían da Igrexa a través da xestión do Mosteiro de San Martiño Pinario. Coa desmortización dos bens eclesiásticos estes pasaron a mans privadas. Despois, algúns deles serían muíños de maquía, o que permitía que calquera persoa poidera moer a cambio dunha parte do cereal. Xusto a carón deste enclave existe un lugar chamado A Maquieira, que era onde se pagaba a maquía.
Os muíños teñen un significado e un valor moi importante na cultura galega, pois estes ademais de seren lugares de traballo eran sitios para o encontro e a sociliazación, pois eran moi largas as esperas mentres o muíño traballaba e se custodiaba o cereal e a fariña.
Como chegar aos Muíños?
Pazo da Crega
Pazo da Crega é a súa denominación popular, aínda que tamén é coñecido como Pazo do San Marco, Pazo do Santo Antoniño ou Casa da Pipina. Esta é unha das casas grandes de Barro que pasou a ser titularidade do concello de Barro no ano 2008, así como a capela e unha extensión de arredor de 25.000 metros de terreo arredor.
É unha edificación fundada no ano 1611 por Diego de Castro e Soutomaior e a súa muller María Rodríguez e Bermúdez. Nunha fachada que dá ao patio interior obsérvase o escudo familiar coas armas dos Vialr de Francos, Gil, Castro e Caamaño.
Na mesma parcela do Pazo encóntrase unha pequena capela na honra de San Marco e San Antonio que foi construída pola familia propietaria do Pazo a finais do século XVIII. Na heráldica inscrita na fachada da capela atópanse as mesmas casas representadas que as do escudo do Pazo, ademais do escudo dos Mosqueira e o emblema eclesiástico da palma e a espada.
Este lugar, unha vez restaurado, é hoxe un dos puntos quentes da cultura e da actividade social do concello de Barro, ao aglutinar a maior parte dos eventos celebrados no muncipio, entre eles a famosa Festa do Viño de Barro.
Como chegar ao Pazo da Crega?
Peto de ánimas dos Calvos
O peto de ánimas é un pequeno santuario de pedra que se pode atopar no luagr dos Calvos, na parroquia de Barro. Son típicos de Galiza e Portugal e acostuman estar dispersos polos camiños.
Estes elementos constitúen unha manifestación material do culto aos mortos e ás ánimas (almas que están no purgatorio). Adoitan ter un caixón para esmolas coa intención de favorecer o paso das ánimas do purgatorio ao ceo, aínda que neste caso só se conserva o oco.
Neste sobresae un Cristo acompañado por San Francisco á súa dereita e da Virxe do Carme á esquerda. Da corda que suxeitan os dous aparecen cinco ánimas que tentan liberarse do lume que as atormenta. O retablo é de pedra, antigamente pintado en ocre, aínda que só fican restos desa cor.
Como chegar ao Peto das Ánimas?
Porráns atópase na parroquia de San Breixo, Barro. O pobo queda a 25 minutos en coche de Pontevedra cidade, e en autobús pódese chegar co roteiro XG817 de Monbus (Vigo-Santiago de Compostela).
Outros lugares para coñecer en Barro
Existe un conxunto de sitios que, polo seu valor arquitectónico, social ou patrimonial, tamén merecen atención por parte das persoas que visiten Barro. Entre eles, a Casa da Torre no lugar do Pazo, a Pedra do Home ou o muíño de vento en Triabá, o miradoiro do Pino Manso no monte Acibal.
Mención especial requiren as capelas, pequenas e encantadoras, que poden atoparse dispersas na xeografía de Barro: San Amaro, As Virtudes, Santo Antoniño ou a de Búa.
Castro do Monte da Güimil
A altura deste emprazamento outórgalle un gran valor de turismo natural, porque as vistas son excepcionais. Tanto é así que é posible ver o mar, acompañado de boa parte do Salnés.
Vistas aparte, outra vantaxe deste plan resulta o amplo espazo recreativo con arboredos, con predominio do castiñeiro na cima e con piñeiro nos seus arredores. O espazo ten mesas dispostas para promover actividades ao aire libre.
O valor patrimonial da chan do Monte Güimil radica nos impresionantes vestixios prehistóricos que se poden datar cronoloxicamente a finais da Idade de Ferro.
Os resultados de estudos realizados sobre este xacemento revelaron que estamos diante dun importante castro do que dependerían outros castros próximos máis pequenos.
Os resultados tanto das catas arqueolóxicas como dos primeiros traballos de excavación realizados no xacemento confirmaron a importancia patrimonial deste xacemento e que, pouco a pouco, iranse realizando traballos de descubrimento e posta en valor.
Ademais de innumerables fragmentos de cerámica, así como de muíños e outros restos prehistóricos, atopouse de forma accidental facendo outros traballos a cabeza dunha escultura castrexa que representa un guerreiro e que xa se atopa no Museo de Pontevedra.