O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mantivo unha xuntanza de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Un encontro solicitado polo alcalde para abordar a situación da estrada autonómica PO-531 ao seu paso polo municipio e dar seguimento aos compromisos adquiridos pola Consellería co alcalde para o presente mandato no tocante á execución dos proxectos previstos para este vial.
Durante a xuntanza, a conselleira trasladou que nestes momentos estase a realizar un traballo de consultoría interna co fin de unificar os distintos proxectos existentes para a PO-531, de xeito que se poidan materializar coa maior axilidade posíbel.
En relación ao tramo vello da PO-531 ao seu paso por Outeda, o alcalde expuxo a necesidade de urxir actuacións de urbanización e calmado de tráfico neste punto, que funciona como un dos accesos directos ao polígono industrial e soporta un volume moi elevado de circulación, dificultando a convivencia e a seguridade da veciñanza da zona.
Ante esta solicitude, a conselleira pediu ao Concello a elaboración dunha valoración e relación detallada das obras necesarias. A partir deses datos, estudarase a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas as administracións para executar as melloras e avanzar cara á futura cesión do vial á titularidade municipal.
O alcalde fai unha valoración positiva do encontro, agradecendo a disposición da Consellería e confiando en que, tal e como asegurou a titular do departamento autonómico, ao longo deste mandato se executen estas actuacións de seguridade viaria tan necesarias para a PO-531 e para o conxunto da veciñanza de Barro
