Skip to content

Barro estreou a súa nova pista de pádel cun partido de exhibición

O Concello de Barro estrou este domingo a nova pista de pádel municipal situada no núcleo do Santo Antoniño. A instalación, situada na rúa do Pazo, inaugurouse oficialmente cun partido de exhibición a cargo de veciños e veciñas afeccionadas a este deporte que cada vez ten máis seguidores.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou que esta instalación é un novo paso para completar a oferta deportiva e de lecer do municipio: “O noso obxectivo é que as veciñas e veciños de Barro teñan acceso a instalacións de calidade sen necesidade de desprazarse fóra do concello. Con esta pista de pádel gratuíta sumamos unha nova alternativa de lecer local que agardamos que teña moito uso e que axude a seguir fomentando a vida saudable e a convivencia no noso concello”.

A partir de hoxe, a pista quedará aberta baixo reserva para o uso de toda a veciñanza cun amplo horario para facilitar a conciliación e a práctica deportiva: estará operativa todos os días da semana, de luns a domingo, desde as 08:30 ata as 22:30 horas. Fiel ao seu obxectivo de promover o benestar da veciñanza, o Concello estableceu que a práctica de pádel nesta instalación sexa totalmente gratuíta.

Para garantir un uso organizado e xusto do espazo, será obrigatorio realizar unha reserva previa a través da páxina web oficial do concello (www.barro.gal). No momento da reserva, os usuarios e usuarias deberán aceptar as normas de uso da pista, velando así polo mantemento e o respecto por este novo ben público que vén enriquecer a oferta deportiva de Barro.

A nova pista sitúase na rúa do Pazo, nun espazo que foi obxecto dunha reordenación integral. Para a súa construción, os elementos de ximnasia e mobilidade para persoas maiores que alí se atopaban están sendo reparados e nos vindeiros días serán trasladados a unha zona sombreada próxima á nova tirolesa. Esta mellora permite crear un contorno deportivo máis accesible e agradable, facilitando o uso dos aparatos de ximnasia durante todo o ano baixo a copa das árbores.

Este proxecto, que foi executado pola empresa Urbatés S.L., supuxo un investimento total de 56.139 euros, no que tamén se incluíu a reforma dos vestiarios vellos do campo de fútbol de Outeiro. O financiamento deste proxecto municipal correu a cargo do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra 2025, unha aposta que permitiu ao Goberno local dotar ao municipio dun equipamento de lecer alternativo que fomenta a convivencia e a actividade física en todas as idades.

A concelleira de Deportes, Andrea Pérez, considera que con este proxecto “créase unha nova alternativa deportiva e de lecer en Barro, que agardamos que teña moito uso porque o pádel é un deporte que cada vez ten máis participantes e que é resulta moi atractivo para quen o practica porque cun par de días probando xa se pode acadar o nivel suficiente para desfrutralo”.