A Xunta de Goberno local vén de aprobar un proxecto para mellorar os accesos ao lugar de Constenla, na parroquia de Barro, unha actuación que permitirá reforzar a seguridade viaria e facilitar o acceso rodado ao núcleo.
As obras permitirán renovar a capa de rodadura ao longo de arredor de 700 metros, desde Constenla ata o enlace coa estrada da Deputación en Chan de Santos. O proxecto tamén inclúe actuacións para a recollida e canalización das augas pluviais, mellorando a drenaxe e contribuíndo á conservación da vía.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Medio Rural, Obras de Accesos a núcleos, Seguridade Viaria e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron a zona onde se desenvolverán os traballos, unha actuación que responde ás demandas da veciñanza e permitirá seguir mellorando os accesos aos distintos núcleos das parroquias.
O investimento total ascende a 56.766,94 euros, dos que o Concello de Barro achega 9.852,11 e a Xunta financia 46.914,82, a través do programa de axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.


