O Concello de Barro vén de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto para a construción dun circuíto de pumptrack, cun investimento de 96.000 euros, que se financiará con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.
A nova instalación executarase no lugar do Outeiro, na parcela anexa á piscina municipal, ampliando así a oferta de instalacións deportivas e de lecer do concello e creando un novo espazo ao aire libre para a práctica deportiva e o encontro veciñal.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, visitaron recentemente a parcela na que se levarán a cabo os traballos, comprobando in situ a localización e as posibilidades que ofrece este novo equipamento para o municipio.
O pumptrack é unha pista deportiva composta por curvas, lombas e peraltes que permite a súa utilización con bicicletas, patinetes, monopatíns ou skates. Trátase dun espazo pensado para persoas de todas as idades, mais especialmente para as nenas e nenos e a a mocidade do municipio.
Con esta actuación, o Concello de Barro continúa a apostar polo fomento da actividade física, a práctica de novos deportes e a promoción de hábitos de vida saudables, dotando á veciñanza dun novo espazo de lecer e deporte accesible e integrado no entorno municipal.
