🎭 Entroido de Barro 2026

O Entroido xa está en marcha en Barro e neste 2026 o concello volverá encherse de cor, humor e tradición cunha programación pensada para todas as idades.

A programación dará comezo o 15 de febreiro e desenvolverase ao longo das semanas seguintes con diferentes actividades vencelladas ao Entroido, entre as que se atopan a tradicional corrida do galo, diversos concursos, o festival de Entroido, o festival de murgas e os actos arredor do noso rei do Entroido, o Corvo de Coralia, que marcará o inicio e o peche desta edición.

👉 Desde o Concello animamos a toda a veciñanza a ir anotando as datas, preparar os disfraces e afinar a retranca para gozar dun Entroido de Barro 2026 cheo de festa e participación.

📌 Nos vindeiros días irase publicando información máis detallada sobre cada actividade, así como as bases dos diferentes concursos e eventos.

Recoñecemento a toda unha vida de servizo público

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abaraldes, fixo entrega dunha placa de agradecemento a Alberto Méndez Abal, con motivo da súa xubilación tras máis de tres décadas de traballo no Concello de Barro.

Alberto iniciou a súa andaina no ano 1986, desenvolvendo boa parte do seu labor no CEIP Amor Ruibal, onde conviviu con moitas xeracións de nenos e nenas, deixando unha fonda pegada pola súa proximidade e complicidade.

O alcalde expresoulle no nome da veciñanza de Barro o agradecemento polos seus anos de servizo á veciñanza e desexoulle todo o mellor nesta nova etapa da súa vida.

👏 Grazas, Alberto!

(PLAN MÁIS PROVINCIA) 2025 (Liña 3) Activación do Emprego

NOTA INFORMATIVA

O Concello de Barro foi beneficiario dunha axuda da Deputación Provincial de Pontevedra para a contratación de 7 traballadores dentro do Plan de Obras e Servizos de competencia Municipal (PLAN MÁIS PROVINCIA) 2025 (Liña 3) Activación do Emprego, destinada á contratación dun conductor, un peón de transporte e 5 peóns de parques e xardíns.

O Concello de Barro aproba a construción dun circuíto de pumptrack no lugar do Outeiro

O Concello de Barro vén de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto para a construción dun circuíto de pumptrack, cun investimento de 96.000 euros, que se financiará con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

A nova instalación executarase no lugar do Outeiro, na parcela anexa á piscina municipal, ampliando así a oferta de instalacións deportivas e de lecer do concello e creando un novo espazo ao aire libre para a práctica deportiva e o encontro veciñal.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira de Deportes, Andrea Pérez Cal, visitaron recentemente a parcela na que se levarán a cabo os traballos, comprobando in situ a localización e as posibilidades que ofrece este novo equipamento para o municipio.

O pumptrack é unha pista deportiva composta por curvas, lombas e peraltes que permite a súa utilización con bicicletas, patinetes, monopatíns ou skates. Trátase dun espazo pensado para persoas de todas as idades, mais especialmente para as nenas e nenos e a a mocidade do municipio.

Con esta actuación, o Concello de Barro continúa a apostar polo fomento da actividade física, a práctica de novos deportes e a promoción de hábitos de vida saudables, dotando á veciñanza dun novo espazo de lecer e deporte accesible e integrado no entorno municipal.