O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de Accesos a Núcleos e de Seguranza Viaria, Iván Bello Ferreiro, supervisaron a finalización dos traballos realizados no lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo.
A actuación, executada por COVSA e financiada a través da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, incluíu a ampliación do ancho do vial, a mellora da seguranza viaria e a renovación integral do asfaltado, permitindo un tránsito máis cómodo, seguro e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
Cun investimento de 87.334,08 €, esta obra supón un avance importante na mobilidade e na seguranza das persoas usuarias desta vía, tanto a pé como en vehículo.
O Concello continúa así coa súa estratexia de mellorar as comunicacións e os accesos aos núcleos de poboación das distintas parroquias, apostando pola seguranza viaria e pola posta en valor das aldeas.
Esta actuación, ao igual que outras de características similares impulsadas nos últimos anos, foi posible grazas á cesión voluntaria dos terreos por parte da veciñanza, un xesto que permite executar melloras que benefician ao conxunto do municipio.



