Ramatan as obras de mellora e ampliación de vial en Valbón

📍 O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de Accesos a Núcleos e de Seguranza Viaria, Iván Bello Ferreiro, supervisaron a finalización dos traballos realizados no lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo.

🏗️ A actuación, executada por COVSA e financiada a través da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, incluíu a ampliación do ancho do vial, a mellora da seguranza viaria e a renovación integral do asfaltado, permitindo un tránsito máis cómodo, seguro e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.

💶 Cun investimento de 87.334,08 €, esta obra supón un avance importante na mobilidade e na seguranza das persoas usuarias desta vía, tanto a pé como en vehículo.

🚧 O Concello continúa así coa súa estratexia de mellorar as comunicacións e os accesos aos núcleos de poboación das distintas parroquias, apostando pola seguranza viaria e pola posta en valor das aldeas.

🤝 Esta actuación, ao igual que outras de características similares impulsadas nos últimos anos, foi posible grazas á cesión voluntaria dos terreos por parte da veciñanza, un xesto que permite executar melloras que benefician ao conxunto do municipio.

LIÑA 1: PROXECTOS DE IMPLANTACIÓN, AMPLIACIÓN OU MELLORA DA RECOLLIDA SEPARADA DE BIORRESIDUOS DESTINADOS A INSTALACIÓNS ESPECÍFICAS DE TRATAMIENTO BIOLÓXICO (COMPOSTAXE E/OU DIXESTIÓN ANAEROBIA).

MT975T – Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de actuación en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles. Fondos de recuperación e resiliencia.

ORDE do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).

Para descargar o cartel prema aquí.

Barro prepárase para a III BTT Camiños de Barro, que será o maior evento deportivo da historia do municipio

O Concello de Barro presentou, nun acto celebrado na Pedra do Home, a III BTT Camiños de Barro, un evento que continúa medrando e que se consolida como o maior acontecemento deportivo do municipio, coa previsión de 500 ciclistas inscritos. A proba está organizada polo Concello de Barro coa colaboración do Club Ciclista Ribadumia, da Federación Galega de Ciclismo e das comunidades de montes de Barro, A Portela e Perdecanai.

A edición deste ano chega cun percorrido practicamente novo ao longo de 50 km, deseñado para que as persoas participantes descubran novos recunchos naturais, patrimoniais e paisaxísticos do concello. Para facelo posible foi fundamental o traballo dun equipo de voluntarios que leva meses traballando no monte para definir e preparar o mellor percorrido posible.

Durante a presentación, o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou “o inmenso traballo que hai detrás desta proba”, resaltando que “detrás da III BTT Camiños de Barro hai meses de preparación, hai voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si, hai o apoio das comunidades de montes e hai un concello enteiro que empuxa. Barro, a pesar de ser un concello pequeno, pode presumir hoxe dunha organización exemplar, capaz de poñer en marcha un evento deportivo que xa é unha referencia no ciclismo de montaña”.

A proba, aínda que non competitiva, contará con varios tramos cronometrados, que engadirán emoción e permitirán aos ciclistas medir os seus tempos ao longo dun trazado pensado para gozar e desafiarse persoalmente.

Como é habitual, un amplo dispositivo formado por ducias de voluntarios e voluntarias velará pola seguridade nos cruces, zonas técnicas e puntos máis sensibles do percorrido, garantindo un desenvolvemento fluído e seguro.

As inscricións seguen abertas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, polo que aínda é posible participar nesta cita deportiva que aspira a converter de novo Barro na capital galega do BTT por un día.

Exposición CASTELAO GRAFISTA. Facsímiles,en Barro.

A exposición itinerante do ilustre rianxeiro chega a Barro neste 2025, Ano Castelao. O caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Buenos Aires, 1950) constitúe o foco desta exposición que reúne unha ampla selección das súas múltiples facetas.
 
Con este proxecto divúlgase a obra dun dos creadores e ideólogos galegos máis singulares,  para que toda a poboación sexa coñecedora e goce das súas creacións e das súas imporantes achegas á nosa historia máis recente.
 
Presentamos CASTELAO GRAFISTA (Facsímile). comisario | MIGUEL FERNÁNDEZ-CID
 
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos).
Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
 
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas dá vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así mesmo, poderase gozar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos. (…) Castelao realiza comentarios gráficos descritivos da realidade e costumes galegas, pero pronto a súa obra adquire un ton de compromiso –ético,social,político– que nunca perderá, ata converterse nun dos principais ideólogos do pensamento nacionalista.Como figura central da cultura contemporánea galega e como auténtico impulsor dun proxecto nacional, propio e distintivo, non se é ecuánime ante Castelao, ao que con frecuencia esíxeselle máis que a ninguén, esperando que estea sempre na excelencia, na frescura, na sagacidade. (…) 
 
DIDÁCTICA Con motivo do 75 aniversario da morte de Castelao, desde a área educativa de Afundación prepararon un proxecto gráfico para escolares:
 
Mapa Castelao – Nivel 1 | Formato en liña para grupos de Primaria ata 2º ESO.
Mapa Castelao – Nivel 2 | Formato en liña para grupos de 3º, 4º ESO e bacharelato.
 

ALCOL, CANTO É MOITO? – 15 de novembro de 2025, DÍA MUNDIAL SEN ALCOL.

O 15 de Novembro, o Concello de Barro súmase, un ano máis,  á conmemoración do Día mundial sen alcol coa campaña ALCOL, CANTO É MOITO?, campaña preventiva iniciada o pasado 15N de 2024.  Con ela preténdese favorecer a reflexión da poboación de Barro sobre os niveis de consumo de alcol, e sobre as serias repercusións que dito consumo ten na saúde física, mental e social das persoas.

Por iso, convídase á poboación a realizar o seguinte CUESTIONARIO para valorar o tipo de consumo de alcol que realizan, e os riscos asociados ao mesmo. Animando a aquelas persoas con consumos de alcol de risco ou nocivo a  solicitar asesoramento, orientación ou axuda clínica que lles permita reducir e/ou eliminar o consumo de alcol (clica no seguinte texto).

#ALCOL CANTO É MOITO?

LÍMITE MÁXIMO DE CONSUMO DIARIO
MULLERES 2 ube
HOMES 3 UBE
condución, embarazo, menores 18 anos 0 UBE
1 ube= 10 g de alcol (uNIDADE DE BEBIDA ESTANDAR) Cervexa= 1UBE/ VIÑO= 1UBE/COMBINADOS=2UBE/CHUPITOS=2UBE

Para aceder ao cartaz prema aquí.

OFERTA DE EMPREGO Programa integrado de Emprego Cuntis

OFERTA DE EMPREGO – PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO 2025/26

O Concello de Cuntis, abre o proceso de selección de dous/dúas técnicos/as medios para traballar a tempo completo como titores/as de emprego dentro do Programa Integrado de Emprego 2025/26 que se levará a cabo conxuntamente polos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro, A Estrada e Moraña.

Duración prevista:
Do 10 de novembro de 2025 ao 14 de outubro de 2026.

Requisitos principais:
-Titulación universitaria (mínimo diplomatura ou equivalente).
Titulacións preferentes
-Psicoloxía
-Pedagoxía
-Psicopedagoxía
-Socioloxía
-Educación social
-Traballo social
-Diplomatura de relacións laborais
-.Economía
-Outra titulación media ou superior… 0,5 puntos

-Non ter sido separado/a do servizo público nin inhabilitado/a.

-Ter máis de 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación.

-Posuír as capacidades necesarias para o posto.

-Acreditar o CELGA 4 ou superar unha proba de galego.

-Nacionalidade española ou a permitida polo artigo 57 do RD Lex. 5/2015.

Sistema de selección:
Concurso de valoración de méritos.

Presentación de solicitudes:
As solicitudes deben presentarse no Rexistro do Concello de Cuntis ou por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015.
Modelo de solicitude dispoñible no Anexo I das bases.

Prazo de presentación:
ABERTO A PARTIR DO 06/11/2025

5 días naturais contados dende o día seguinte á publicación do anuncio na prensa, na sede electrónica municipal 👉 http://concellodecuntis.sedelectronica.gal/info.1

LIÑA 2. PROXECTOS DE SEPARACIÓN E RECICLAXE EN ORIXE DE BIORRESIDUOS MEDIANTE A SÚA COMPOSTAXE DOMÉSTICA OU COMUNITARIA(COMPOSTAXE IN SITU).

Actuacións cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU.

Orde do 17 de Decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladores para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e textiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 procedemento MT975T).

Para descargar o cartel prema aquí.