O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acaba de asinar coa Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Vázquez Mejuto, e co Director Xeral de Augas de Galicia, Fernández Añón, o convenio de construción da nova EDAR central do Carballal.
O proxecto de construción da nova EDAR ten un orzamento de 3.672.000 euros, dos cales o Concello de Barro farase cargo do 20%, que ascende a 734.000 euros, e a Consellería de Medio Ambiente correrá co 80% restante, un total de 2.938.000 euros. O obxectivo de ambas administracións é que o proceso de licitación poida culminarse nos vindeiros meses e que os traballos de execución material poidan comezar no ano 2025 e estar rematados no 2026.
A execución do proxecto da EDAR vai máis alá da construción da estación de depuración, xa que tamén se anularán as vellas depuradoras do Santo Antoniño e de Piñeiro (A Portela) e todo ese caudal será conducido para a nova depuradora. Tamén se dará servizo a outros colectores de redes de saneamento que xa están construídas.
Unha vez rematados estes traballos, comezarase a ampliar a rede aos lugares aos que aínda non chega o servizo e mentres tanto, a nova EDAR tamén estará preparada para permitir nela o baleirado das fosas sépticas das vivendas que non teñan aínda posibilidade de conexión á rede de saneamento.

