II BTT Camiños de Barro
O concello de Barro acollerá o vindeiro domingo a 450 amantes do ciclismo de montaña na II BTT Camiños de Barro, unha edición cuxa acollida está a ser moi boa e que bateu o récord de participantes.
Un percorrido de 50 km de longo que atravesará os montes das parroquias da Portela, Perdecanai e de Barro, e que está especialmente deseñado para sorprender e coñecer os recunchos patrimoniais e naturais que se agochan en Barro.
Os 50 km da proba, a pesar de non ser competitiva, estarán cronometrados para que as persoas participantes poidan coñecer os seus tempos, mais dentro do percorrido si que haberá unha cronoescalada, un treito de menos dun quilómetro que si que será competitivo e que contará cunha cronometraxe específica. Ese treito leva por nome “A subida das ánimas” e agocha sorpresas para os ciclistas, quen terán que apertar para conseguir facerse cos trofeos que se reparten nas catro categorías.
Ducias de voluntarios e voluntarias estarán repartidas por todos os cruces e zonas técnicas para vixiar que todo decorra coa máxima seguridade tanto para as persoas participantes como para vehículos e veciñanza en xeral.
As persoas que queiran participar como voluntarias na organización da II BTT Camiños de Barro poden contactar coa organización a través da seguinte ligazón: https://barro.es/contacto/