Un ano máis, inícianse en Barro os Obradoiros de prevención das condutas aditivas do ámbito escolar. Estes Obradoiros realizaranse dentro do Proxecto de prevención das condutas aditivas no que participa o Concello de Barro desde o ano 2013 con outros concellos da contorna, Cuntis, Campo Lameiro, Moraña e Portas, a través dun Convenio de colaboración entre os mesmos e contando co cofinanciamento da Consellería de Sanidade (Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de prevención das condutas aditivas).
Ao longo deste curso escolar 2024-2025 realizaranse no C.E.I.P Amor Ruibal e no I.E.S de Barro actividades e obradoiros de prevención das condutas aditivas destinados ao alumnado de 6ºEducación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria. Con eles, e seguindo a evidencia científica, traballaranse importantes factores de protección que reducen os riscos psicosociais na xuventude (hábitos saudables, habilidades sociais, habilidades de rexeitamento, autoestima, intelixencia emocional, etc.), ademais do traballo dos mitos e riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías e ao consumo de tabaco, alcol e outras drogas.
Estas actividades reforzaranse ao longo do 2025 con obradoiros destinados ás familias e con campañas de información e sensibilización sobre condutas adictivas destinadas a poboación xeral. Fortalecendo deste xeito a aposta que desde o Concello de BARRO se realiza pola Promoción de hábitos saudables e a prevención das condutas adictivas entre a súa veciñanza, e en especial entre a xuventude.