Auditoría da rede de saneamento municipal

Co obxectivo de estudar e analizar a situación na que se atopa a rede de saneamento actual do concello de Barro, contratouse un estudo exhaustivo da rede de canalizacións e colectores existentes para identificar aqueles que puideran presentar algún tipo de problemas relacionados con infiltracións ou que puideran presentaran eivas no seu funcionamento.

As infiltracións que foron identificadas grazas a este estudo están relacionadas coa entrada na rede de saneamento de augas pluviais ou de augas relacionadas con fontes ou mananciais que entran na rede. A entrada desta auga, maioritariamente de orixe pluvial, na rede de saneamento provoca que aumente o caudal e que baixe a eficacia dos tratamentos de depuración.

A identificación da entrada destas augas limpas na rede de saneamento é unha prioridade para poder acometer as obras necesarias para a súa separación, por iso este documento é fundamental para priorizar os traballos de mellora da rede existente.

Esta auditoría sacouse a contratación por un importe de 18.029 euros e financiouse con cargo a unha subvención da Xunta de Galiza de 14.423 euros dentro da liña de subvencións para auditorías da rede de saneamento para a detección de infiltracións que se convocaron para este 2024. A empresa que se encargou da execución destes traballos foi Cuarta Zona Ingeniería S.L.

Obradoiros de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar

Un ano máis, inícianse en Barro os Obradoiros de prevención das condutas aditivas do ámbito escolar. Estes Obradoiros realizaranse dentro do Proxecto de prevención das condutas aditivas no que participa o Concello de Barro desde o ano 2013 con outros concellos da contorna, Cuntis, Campo Lameiro, Moraña e Portas, a través dun Convenio de colaboración entre os mesmos e contando co cofinanciamento da Consellería de Sanidade (Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de prevención das condutas aditivas).

Ao longo deste curso escolar 2024-2025 realizaranse no C.E.I.P Amor Ruibal e no I.E.S de Barro actividades e obradoiros de prevención das condutas aditivas destinados ao alumnado de 6ºEducación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria. Con eles, e seguindo a evidencia científica, traballaranse importantes factores de protección que reducen os riscos psicosociais na xuventude (hábitos saudables, habilidades sociais, habilidades de rexeitamento, autoestima, intelixencia emocional, etc.), ademais do traballo dos mitos e riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías e ao consumo de tabaco, alcol e outras drogas.

Estas actividades reforzaranse ao longo do 2025 con obradoiros destinados ás familias e con campañas de información e sensibilización sobre condutas adictivas destinadas a poboación xeral. Fortalecendo deste xeito a aposta que desde o Concello de BARRO se realiza pola Promoción de hábitos saudables e a prevención das condutas adictivas entre a súa veciñanza, e en especial entre a xuventude.

II BTT Camiños de Barro

O concello de Barro da man do Club ciclista Ribadumia están traballando para ofrecer outra edición inesquecible para todos/as os/as amantes da bici de montaña cun percorrido que non deixará indiferente a ninguén e que descubrirá tesouros e recunchos patrimoniais e naturais ocultos de Barro.

ℹ️ Amplía a información, consulta o regulamento e inscríbete a traves da páxina da Federación Galega de Ciclismo www.fgalegaciclismo.es

Estrada cortada por obras

Estanse executando as obras de asfaltado do vial paralelo á vía desde a estrada da Estación até Valbon, polo que estará cortada a circulación de vehículos e peóns mentres duren os traballos.

DOCUMENTAL. “FONTÁN O PRIMEIRO ROSTRO DE GALICIA”

 O próximo 04/11/2024 , no IES de Barro, realizarase a proxección do documental “Fontán, o primeiro rostro de Galicia”.

Esta actividade está pensada para achegar á mocidade o fascinante traballo de Domingo Fontán, o autor da primeira Carta Xeométrica de Galicia. A través dunha linguaxe sinxela, o documental explica como, sen novas tecnoloxías, Fontán conseguiu determinar a orografía do noso territorio, facendo un percorrido pola nosa historia e xeografía.

Con entrevistas a especialistas e nocións básicas de matemáticas e xeografía, esta peza convértese nunha ferramenta didáctica ideal para o alumnado dos IES de Barro.

Presentado por Manuel Amigo (Topógrafo) e Manuel Fernández (Productor do documental).

Actividade promovida pola Deputación de Pontevedra.
Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

#DomingoFontán #CartaXeométrica #IESdeBarro #ConcellodeBarro #OMIXBarro

A nova cuberta do pavillón de Barro acollerá a instalación de 135 paneis solares para dar servizo eléctrico ás instalacións municipais de Santo Antoniño

Barro vén de adxudicar un proxecto para unha instalación fotovoltaica composta por 135 paneis solares e 60,75 kw de potencia instalada na renovada cuberta do pavillón municipal, unha superficie que na que o concello aproveitou a súa reforma para adecuala e que puidera así estar preparada para albergar unha instalación de produción eléctrica renovable destas características.

Este é un proxecto que o concello de Barro leva bastante tempo xestando e polo que o goberno municipal apostou decididamente. Segundo afirma Fernández Abraldes, alcalde de Barro, este “é un proxecto estratéxico para Barro, pois permitiranos un importante aforro enerxético e poder destinar así eses recursos a outras actuacións, ao mesmo tempo que reducimos o consumo de electricidade provida de combustibles fósiles.”

Coa execución deste proxecto poderase dar servizo eléctrico aos locais e instalacións municipais de Santo Antoniño, incluída a piscina municipal e o colexio de primaria. Os excedentes de produción eléctrica, cando os houber, non se perderán, pois verteranse á rede eléctrica e o concello recibirá unha compensación económica que servirá para reducir aínda máis a factura eléctrica do concello.

O orzamento deste proxecto ascende a 72.707,87 euros, dos cales 53.156 euros financiaranse con cargo a fondos europeos e os restantes 19.551 euros irán a cargo de fondos propios do concello . A empresa encargada da execución será Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., por ser a mellor oferta presentada, e terá un prazo dun mes para a finalización das actuacións.

O goberno municipal segue traballando para mellorar estas instalacións, polo que tamén vén de adxudicar un proxecto para o pintado interior á empresa Alberto Trigo Calvo, ao mesmo tempo que vén de sacar a licitación a substitución da antiga caldeira de gasoil por unha instalación de aerotermia.

Bases Contratación Persoal Técnico. Plan Integrado de Emprego Cuntis 2024/2025.

PUBLICACIÓN DE BASES.

Contratación laboral temporal, a través da modalidade contractual de “CONTRATO PARA A MELLORA DA OCUPABILIDADE E INSERCIÓN LABORAL NO MARCO DOS PROGRAMAS DE ACTIVACIÓN PARA O EMPREGO”

Dous técnicos/as medios, como titores/as de emprego, no ámbito de desenvolvemento das accións do Programa Integrado de Emprego do Concello de Cuntis 2024/25, que se levara a cabo conxuntamente polos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro, A Estrada e Moraña.

As solicitudes formalizaranse no modelo de instancia que figura como Anexo I das bases e deberán presentarse no Rexistro do Concello de Cuntis ou remitilas por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro do procedemento Administrativo Común.
– O prazo de presentación de solicitudes será de CINCO (5) días hábiles contados dende o día seguinte á publicación do correspondente anuncio na prensa, que coicidirá coa data de publicación do anuncio na sede electrónica municipal – 16 DE OUTUBRO- (http://concellodecuntis.sedelectronica.gal/info.1) e no taboleiro de anuncios do Concello de Cuntis.

Bases: https://concellodecuntis.sedelectronica.gal/preview-document.1
Solicitude: https://concellodecuntis.sedelectronica.gal/preview-document.2

Fernández Abraldes recibe á familia de Sara, unha cativa operada de implante coclear binaural que denuncia que non está recibindo un servizo logopédico de calidade por parte do SERGAS

O alcalde recibiu á familia de Sara, unha veciña de Barro que no seu día foi intervida para realizarlle un implante coclear binaural, co obxectivo de combater un diagnóstico de hipoacusia profunda froito dunha infección conxénita.

Para a recuperación de Sara é imprescindible un tratamento logopédico, pero os seus familiares trasladan que o SERGAS lles cambia de logopeda cada poucos meses, polo que non hai un profesional que poida facer un tratamento e seguimento continuado das necesidades de Sara e da súa evolución, o que vai en detrimento dun maior avance na súa recuperación.

Abraldes trasladoulle o seu total apoio e solidariedade, agardando que Sara poida contar co mesmo/a logopeda de forma estable para que o seu tratamento sexa o máis efectivo posible, e tamén se comprometeu a trasladarlle ao Xerente da Área sanitaria de Pontevedra, José Flores Arias, esta demanda da familia de Sara.

Día da muller rural 2024

Hoxe conmemórase o Día da Muller Rural, cómpre sinalar a enorme débeda que se ten coas mulleres labregas da nosa terra. O seu papel na organización familiar, na crianza e nos coidados, na economía doméstica, no coidado do gando, así como nas duras tarefas do campo.

No campo ou no mar estas mulleres levaron unha vida de esforzo e sacrificio sen recibir o recoñecemento que se merecen. É necesario que as xeracións máis novas coñezan as difíciles condicións nas que viviron estas mulleres para comprender a súa grandeza, xa que non se pode valorar o que non se coñece.

Sirva esta imaxe do fotógrafo de Barro, Reinaldo Constenla, para honrar a súa figura.

Obradoiro de memoria

O concello de Barro, en colaboración coa Cruz Vermella, pon en marcha unha nova edición do obradoiro de memoria interactiva, dirixido a persoas maiores de 65 anos.
Se queres inscribirte, ponte en contacto co Deprtamento de Servizos Sociais 986 711 002