O Goberno municipal de Barro continúa coa súa firme aposta pola recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais de titularidade municipal.
Desta volta o obxecto da actuación foi o antigo lavadoiro do lugar do Concello, na parroquia de Agudelo. Unha construción que xogou no pasado un importante papel como fonte de auga para as vivendas e como pozo de regar para as fincas de labranza dese entorno. É por iso que o criterio principal que se seguiu neste proxecto foi o de manter a tipoloxía orixinal desta construción.
O obxecto das obras foi o da reparación e reforzo da cuberta, o saneamento de todo o entorno, a reparación do pozo de regar e a mellora da recollida das augas.
A obra foi executada pola empresa Transportes e Cantería Antonio S.L. por ser a mellor oferta presentada. O orzamento total do proxecto foi de 9.965,68 euros, financiado con cargo a fondos propios municipais.