Skip to content

O Pleno de Barro dá o último paso administrativo para a cesión á Consellería da parcela do novo centro de saúde

Na noite do mércores celebrouse o primeiro Pleno ordinario deste mandato e que tivo como punto principal a aprobación do último paso administrativo para a cesión por parte do Concello de Barro á Consellería de Sanidade da parcela para a construción do novo Centro de Saúde.

Con este trámite, que foi aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE e PP, e cos votos en contra de Xuntos, xa se poderá rexistrar a parcela a nome da Consellería de Sanidade, un paso fundamental para que a Xunta poida iniciar a construción da nova edificación.

A corporación tamén tivo seleccionar unha proposta para xuíza de paz substituta entre as dúas persoas que se presentaron. A proposta do goberno foi a da candidata que tiña un perfil académico máis axeitado ao posto e foi aprobada cos votos a favor de BNG, PSOE e PP, e coa abstención de Xuntos. Este é un traballo non remunerado e que se exercería unicamente no caso de que ocorrera algo que lle impedira exercer á xuíza de Paz titular.