Vigo

Coincidindo cos lindeiros do antigo recinto amurallado atopamos a parte vella de Vigo, núcleo principal da cidade, que comprende os barrios tradicionais do Berbés, o barrio do Cura e a Ferrería.

O Berbés, habitado fundamentalmente por mariñeiros e pescadores, é un dos barrios máis coñecidos da cidade.

A parte baixa da zona vella é a que esperta un maior interese turístico, pois nela atopamos a praza da Pedra e o seu mercado, a rúa dos cestos, a Colexiata de estilo neoclásico, a praza da Constitución, que fai as funcións de praza Maior, a praza da Princesa e a de Almeida, unha das máis antigas da cidade.

Partindo da Porta do Sol e subindo pola rúa Elduayen, chegamos ao Paseo de Alfonso XIII, que divide en dúas a zona vella e onde se atopa a oliveira, símbolo da cidade.
Un tamén pode gozar de impresionantes vistas se se achega ata algún dos miradoiros desta cidade, como son o Castro, a Guía, a Madroa, o Paseo de Alfonso XIII, o monte Alba ou o monte dos Pozos.

Outros monumentos que se poden ver son o Sireno, figura que representa unha personaxe imaxinaria, híbrido de peixe e home; a Porta do Atlántico, na praza de Ámerica; o monumento ao Traballo, na Gran Vía; os Cabalos, na praza de España; e o monumento a Europa, ao final da Avenida de Europa.

Para os amantes do románico relixioso, a comarca de Vigo posúe unha extraordinaria riqueza ao respecto. Un exemplo do mellor románico vigués será a igrexa parroquial de Santa María de Coruxo, xunto coa de Santiago de Bembribe e a de San Salvador de Coruxo. Tamén serán de grande fermosura as igrexas parroquiais de Santa Cristina de Lavadores, a de Santo Tomé de Freixeiro, a ermida da Nosa Señora das Neves e a igrexa parroquial de Valadares.

Os pazos ou casas señoriais galegas, teñen en Vigo unha das súas mellores representacións, destacando o pazo de Castrelos, o da Raposeira, o de San Roque e a casa Grande de Aires.

O Parque Natural das Illas Cíes, declarado Parque Natural, constitúe un dos enclaves de maior fermosura e riqueza da península Ibérica. Habitadas de antigo, hoxe son illas practicamente desertas.

Posúe un relevo variado que combina elevados cumios con cantís rochosos e longos areais cun bo clima que permite o desenvolvemento dunha das faunas e floras máis ricas da zona.
Mención especial teñen os fondos submarinos das illas, constituídos por un vasto conxunto do ecosistema mariño e onde destacará o seu espectacular bosque de algas pardas, no que habitan unha grande variedade de especies mariñas.

Vigo conta con sendeiros sinalizados que discorren polos montes e vales que configuran o seu contorno. A privilexiada orografía desta comarca, o seu clima e a cantidade de espazos naturais fan deste concello e dos arredores un lugar axeitado para aqueles que buscan sosego e tranquilidade, podendo atopala nas praias de fina area branca ou nos parques forestais, moitos deles con excelentes miradoiros, con mesas e grellas para aproveitar unha excursión no campo.

Para os que practican deportes, Vigo conta cunha amplísima oferta que satisfará as esixencias do afeccionado ao aire libre ou aos deportes náuticos.