Subvencións para escolas obradoiro e casas de oficios

Os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado traballador a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional ocupacional recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. 

A programación das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en plans integrais de emprego que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, postos de traballo. 

Beneficiario: 

Os proxectos de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego poden ser promovidos por: 

a) Organismos autónomos e entes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración xeral do Estado.
c) Entidades locais, os seus organismos autónomos e entidades con competencias en materia de promoción do emprego, dependentes ou asimiladas a elas, cuxa titularidade corresponda integramente ás ditas entidades locais.
d) Consorcios.
e) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro. 

Publicación: DOG do 15 de xaneiro de 2008
Data de inicio: 15.01.2008
Remata o prazo: 15.07.2008
Prazo: 15 de xullo de 2008
Entidade: Xunta de Galicia